A FGAMT-CIG de Pontevedra presentará denuncias contra unha descarga ilegal de peixe no porto de Marín
A FGAMT-CIG de Pontevedra está a tramitar unha serie de denuncias diante da Inspección de Traballo, da Autoridade Portuaria de Marín e da Consellaría de Sanidade esixindo a actuación inmediata destes organismos diante dunha descarga ilegal de peixe nas instalacións portuarias desta localidade pontevedresa. Dende a central reclaman a paralización do buque implicado e que se depuren responsabilidades na dirección da APM e da empresa propietaria.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, explica que a compañía vasca Echalar iniciou este xoves a descarga do barco Igueldo, con licenza para pescar nas Malvinas, con medios propios (os seus mariñeiros), “algo que non acontecía en Marín dende hai máis de 50 anos.
Unha empresa desalmada utiliza persoal sen formación nin titulación para descargar peixe sen control sanitario nin prevención de riscos
O responsábel sindical cualifica de “moi grave” este feito, pero considera aínda máis grave que a propia Autoridade Portuaria de Marín autorizase, previa solicitude da empresa, a utilización das grúas do barco en base ao artigo 130.4 da Lei de Portos do Estado. “O que non figura na autorización é a descarga por parte dos mariñeiros, segundo confirman fontes da propia APM”.
Segundo explica Aboi, “isto significa que unha empresa desalmada utiliza persoal sen formación nin titulación para descargar peixe sen control sanitario nin prevención de riscos, pasando por riba da xente que fai esta función no porto e deixando a máis de 40 persoas, veciños de Marín, sen a posibilidade de traballar nun contexto tan complicado”.
Ao mesmo tempo, amósase moi crítico co feito de que a APM non controle que se cumpran as súas propias autorizacións “e permite que as empresas fagan o que lles dá a gaña saltándose a normativa apelando á pandemia da covid19 e pretendendo explotar aínda máis a xente para engordar a súa conta de resultados”. Neste senso, lembra que os mariñeiros “non están” para descargar o peixe “e non se poden utilizar como carne de canón para aforrar os pouco máis de 40.000 euros que custa a descarga de máis de 1100 toneladas de peixe”.
Depurar responsabilidades
Diante disto, a CIG presentará denuncia diante da Inspección de Traballo, da APM e da Consellería de Sanidade, “porque semella que estes organismos non se enteran ou non se queren enterar do que está a acontecer, xa que parece que a Xunta está máis preocupada das eleccións que de velar polo cumprimento da normativa e de loitar contra a explotación laboral”.
Ademais, reclama a paralización inmediata do buque implicado, que se aclare quen autorizou a descarga, que se depuren responsabilidades na APM e que se sancione a empresa, así como que se aclare “quen lle vai pagar a estas 40 persoas de Marín que non puideron traballar”.