A FGAMT-CIG convoca unha nova protesta contra a explotación laboral en Coren
A federación de Alimentación da CIG desenvolverá unha nova mobilización diante da planta principal de Coren en Ourense en solidariedade coa loita do persoal autónomo de Servicarne en Frigolouro, compañía porriñesa que pertence ao grupo cooperativo orensán. A concentración para denunciar “a explotación e as condicións laborais do século XIX” que padecen os traballadores/as terá lugar este xoves día de de xuño de 11.30 a 12.30 horas.
A protesta, que se desenvolverá diante das oficinas centrais do grupo Coren na parroquia ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, fai parte do calendario de mobilizacións promovida pola CIG para apoiar as reivindicacións dos falsos/as autónomos/as de Servicarne dependentes de Frigolouro, que denuncian a explotación laboral á que son sometidos/as e reclaman unhas condicións de traballo dignas.
A FGAMT-CIG mantén dende hai meses unha campaña contra a situación laboral que padecen os empregados/as da cooperativa de traballo asociado con sede no Porriño (sen horario fixo, con ritmos de traballo salvaxes, sen cobrar os descansos, con sancións, sen baixas, sen licenzas retribuídas, etc.). “Padecen unhas condicións laborais do século XIX”, resumen.