A FGAMT-CIG convoca folga indefinida en Ambunova polo atraso no pago de salarios
Segundo explicaron en rolda de prensa o representante da FGAMT-CIG de Santiago, Nacho Pavón, e o delegado de persoal de Ambunova, Herminio Rivas, a central adoptou a decisión de convocar a folga indefinida a partir do vindeiro mércores 17 de agosto ante os reiterados incumprimentos á hora de abonar as nóminas do cadro de persoal, integrado por uns 30 traballadores/as.
A compañía concesionaria do servizo de transporte sanitario non urxente das comarcas de Santiago e do Barbanza acumula reiterados atrasos no pago dos salarios, até o punto que non ingresou os soldos dos últimos dous meses. Ao mesmo tempo, os problemas na empresa acumúlanse porque tampouco se substitúe o persoal que se atopa de baixa, o que está a provocar que se deixen servizos sen realizar. “A situación chega até o punto de que as ambulancias tampouco se amañan, polo que nestes momentos hai sete que non se poden utilizar por pequenos problemas de mantemento”, indican.
Neste senso, denuncian que hai algúns servizos que están a ser asumidos por vehículos do 061, “algo que nos parece moi grave, xa que se bota man de ambulancias de urxencias para cubrir transportes non urxentes; pode haber unha emerxencia e atoparse a ambulancia ocupada”.
Outra das deficiencias coas que teñen que convivir os empregados/as ten que ver co combustíbel, “xa que a diario nos atopamos coa incerteza de saber se poderemos repostar”. De feito, a semana pasada estiveron unhas horas sen teléfono de empresa porque a compañía de telecomunicacións optou por bloquear a liña por impago.
Esta problemática foi posta en coñecemento da dirección de Ambunova, que continúa sen ofrecer ningunha información a traballadores/as e usuarios/as. “O Sergas, que é o titular do servizo, tampouco está a facer nada por arranxar a situación, até o punto de que non contestaron a petición de xuntanza que lle trasladamos hai máis dunha semana”.
Segundo explican os representantes sindicais da CIG, esta situación é común en todo o sector das ambulancias do noso país. “Ambuibérica, outra empresa do sector que opera en Galiza, tamén leva dous meses con atrasos nas nóminas e con persoal contratado a media xornada e que traballa a xornada completa”, sinalan.