A FGAMT-CIG amosa a preocupación polo futuro da antiga planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei
A FGAMT-CIG advirte que novamente está a planear a sombra do peche nas antigas instalacións de Leche Pascual en Outeiro de Rei. A empresa resultante do experimento fallido de Alimentos Lácteos, e que naceu amparado polo beneplácito da familia de Leche Pascual, atópase nunha situación límite.
Tegestacín SL, a empresa actual, conta cunha traxectoria dende finais de 2014 e veu compatibilizando diversas actividades de fabricación e transferencia de produtos. Neste momento, explica o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, centra a súa actividade no envasado de leite e queixo de untar principalmente, así como na actividade de concentración de leite para outras industrias.
A comezos deste ano, engade, nunha situación de incerteza, remozouse a dirección da empresa e con isto deuse maior pulo ao incremento de produto envasado (leite envasado e queixo de untar) o que supuxo que a empresa conte agora cun cadro de 75 traballadoras e traballadores.
Malia todo o anterior, "a empresa semella non ser capaz de remontar a actual situación e a comezos deste mes precipítase a situación de impago dos salarios pendentes do mes de novembro á totalidade do persoal, feito que xa se puxo en coñecemento da Autoridade Laboral". Non obstante, para López Carmona o feito máis grave e preocupante aconteceu durante a mañá do xoves, "cando se produce o corte do subministro eléctrico á factoría, sen que, a representación legal do persoal teña coñecemento ou xustificación algunha por parte da empresa".
A CIG alerta que esta situación precipita a parálise total da produción e pon en grave risco o futuro da empresa e o mantemento dos postos de traballo. De igual xeito, quere denunciar publicamente a empresa "pola súa actitude temeraria, de ocultación e obstrución do seu deber de información e consulta polos representantes legais do persoal, toda vez que esta central sindical é a maioritaria no comité de empresa".