A FGAMT-CIG achega probas que demostran que o 061 usa ambulancias básicas para servizos urxentes
A FGAMT-CIG recopilou unha serie de probas que demostran que o servizo de urxencias sanitarias 061 utiliza en Vigo ambulancias básicas para realizar servizos urxentes, cando estes vehículos, non están acondicionados para prestar asistencia en ruta xa que a súa finalidade é unicamente o traslado de pacientes.
A central leva tempo denunciando que o 061 bota man de ambulancias de tipo A, con dotación básica ao tratarse de vehículos convencionais destinados a traslados, para atender urxencias extrahospitalarias, tal e como indica a Lei de Transporte Sanitario de Galiza.
Mais o 061 insiste en negar a realidade, chegando acusar a CIG de mentir cando afirma, por exemplo, que estas ambulancias contan unicamente cun técnico/condutor. “Din que todos os vehículos levan dous técnicos e cumpren a lexislación, pero o o certo é que ante o aumento do número de servizos, en lugar de sacar máis ambulancias para asistencia en ruta o que fixeron foi poñer ambulancias tipo A de apoio, que logo fan servizos urxentes convencionais”, sinala Óscar Graña, delegado da central no 061.
Por iso entende que o que deberan facer é sacar a concurso máis unidades, mais sospeita que deste xeito “están a probar o modelo de usar vehículos con só técnico/condutor para despois instauralo no resto do país”. Esta práctica provoca escaseza de medios materiais e humanos, até o punto de que son as familias as que teñen que colaborar durante os servizos.
Graña quere deixar claro que a central de coordinación intenta que estas ambulancias se unicamente para servizos o menos urxentes posíbel, pero ao final vense obrigadas a realizar servizos urxentes, mesmo accidentes de tráfico”.
Probas gráficas e documentais
Entre as probas que aporta a FGAMT-CIG para corroborar estas afirmacións atópase en primeiro lugar unha fotografía tomada en Sárdoma, na base de Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo do 061, na que se pode ver dúas ambulancias sen rótulos do 061 preparadas para saír cun só técnico/condutor, “cando o 061 di que non as hai”.
No propio documento de contratación do servizo figura que o lote ambulancias de Vigo conta co dous vehículos deste tipo. “Ademais, a propia Administración é a principal interesada en que estas ambulancias fagan servizos para evitar ter que pagar un plus polas ambulancias asistenciais, tal e como figura no contrato: se fan máis de 3000 servizos ten que abonarlle á empresa 5500 euros, mentres que se superan os 5000 a cantidade ascende a 12.500 euros.
Ao mesmo tempo, nos propios documentos de contratación establécese que as ambulancias de apoio non poderán ser rotuladas co mesmo deseño que as asistenciais do 061, e tamén figura que terán un único técnico/condutor.
“Por iso o 061 fai trampa cando di que non hai ambulancias asistenciais cun só técnico/condutor; en teoría non as hai, pero na práctica si porque despois estes vehículos inicialmente destinados só a trasladados atenden servizos urxentes, tal e como denunciamos; por iso a poboación de Vigo ten que saber como está a ser atendida; o servizo é unha lotería: se chamas unha ambulancia pode chegar unha equipada e con dous técnicos/as sanitarios/as ou ben outra non acondicionada para servizos urxentes e na que unicamente vai un técnico/condutor”.