As construtoras abusan do acordo da patronal coruñesa con CCOO e UGT para eliminar os festivos
A Federación de Construción e Madeira da CIG detectou que numeroso persoal do sector da construción que traballou durante o “permiso retribuído recuperábel” fixado polo Goberno central, que o cambiou por vacacións, que ten bolsas de horas pendentes ou que entrou na empresa despois do estado de alarma, está a ser obrigado polas empresas a traballar durante os festivos de convenio. Esta situación prodúcese tras o acordo asinado por CCOO, UGT coa patronal APECCO na provincia da Coruña, que elimina os festivos até final de ano. A central xa está a preparar a impugnación xudicial para que os traballadores/as afectados/as poidan reclamar a compensación dos festivos que lles retiraron inxustamente.
Dende FCM-CIG sinalan que isto acontece só 24 horas despois da publicación no BOP do acordo asinado por CCOO, UGT con APECCO -coa oposición da CIG-, que eliminaba de forma xeral os festivos de convenio até final de ano. A central xa denunciara no seu momento a incerteza xerada pola iniciativa da patronal de crear un novo calendario de aplicación opcional ou circunstancial, “e non erraba: a realidade é que as empresas están substituíndo de maneira xeral o calendario laboral legal aprobado en outubro de 2019 polo novo calendario, eliminando sen máis os festivos de convenio sen ter en conta as múltiples casuísticas que se dan”.
O acordo non obriga a ninguén, xa que non ten máis rango legal que o Real Decreto, que deixa claro que o único calendario laboral aplicábel é o de 2019
Tamén avisara durante a negociación que o acordo podería xerar equívocos, e mesmo usarse perversamente, pois entendían abría a porta de par en par aos abusos por parte das empresas, que poderían aproveitar para aplicar o novo calendario mesmo ao persoal que nunca gozou do permiso retribuído ou que xa tivera un acordo coa súa empresa para efectuar a recuperación, tal e como por outra parte fixaba o Real Decreto que debía facerse. “Por desgraza este prognóstico estase cumprindo”.
Diante disto, a CIG está a preparar a impugnación xudicial do acordo “para que os traballadores/as afectados/as por estes abusos cando menos poidan reclamar, no seu momento, a compensación dos festivos convenio que lles retiraron inxustamente”.
Ademais lembran que o acordo non pode obrigar a ninguén, xa que non ten máis rango legal que o Real Decreto, que deixa claro que a recuperación, de existir, débese pactar no seo das empresas, e que o único calendario laboral de obrigada aplicación é o asinado en outubro de 2019, cos seus festivos de convenio.