A FCM-CIG rexeita o convenio estatal da construción porque precariza as condicións laborais

Pérdese poder adquisitivo e apóstase pola contratación eventual
Nacional - 16 Mai 2022

A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG amosou o seu rexeitamento ao preacordo sobre o VII Convenio Xeral do Sector da Construción que veñen de asinar os sindicatos CCOO e UGT e a patronal ao entender que precariza aínda máis as condicións laborais. Denuncian que o pacto traducirase nunha perda de poder adquisitivo dos salario, ao tempo que lamentan que se siga a insistir na contratación eventual.

Dende a central sindical critican que unha vez máis as negociacións entre os sindicatos estatais e o empresariado “dan o seu froito en menoscabo dos dereitos das persoas traballadoras do sector; as cíclicas actuacións de CCOO e UGT, totalmente entregados á patronal, non fan máis que afondar na situación de precariedade que sofre o persoal do sector, coa recentralización das negociacións en Madrid”. 

Apostan unha vez máis por empeorar as condicións laborais das persoas máis novas ao darlle un novo pulo aos contratos de formación e prácticas

Denuncian que o preacordo asinado precariza as condicións de traballo ao apostar polos contratos eventuais, “promocionando estes até límites moi difíciles de asumir”. Como no caso do contrato fixo-descontinuo, “no que están a poñer todo o seu esforzo”. Para a FCM-CIG este tipo de contrato “non ten sentido, posto que todas as persoas traballadoras serán reféns das empresas”.

Neste senso, detallan que esta modalidade de contratación permite -xa coa última reforma laboral- crear unha bolsa de contratación cun tempo máximo de chamamento-retorno ao traballo de tres meses. “Pois ben, a pretensión é empeorar aínda máis as condicións, eliminando o prazo de chamamento sen acotalo no tempo”. Polo que calquera operario/a pode atoparse nesta situación (bolsa de contratación) e á espera de ser chamado/a durante toda a súa vida laboral, sen nunca ser convocado/a.

Ao mesmo tempo, censuran que se aposte novamente polo empeoramento das condicións laborais das persoas máis novas ao darlle un novo pulo aos contratos de formación e prácticas, “facilitándolle man de obra barata ás empresas”. E que se promova a perda de poder adquisitivo, xa que a suba porcentual que anuncian estará supeditada á porcentaxe que destinen ao Plan de Pensións que pretenden crear.

Así, a porcentaxe na que verían incrementadas as nóminas estará minorada pola apartación ao Plan. A suba asinada aínda será inferior, e seguirán perdendo poder adquisitivo engadíndolle ao anterior unha cláusula de revisión, sen atrasos, sen tomar en conta o IPC real e topado cun máximo”. Tamén critican que se renuncie ao Plus de Perigosidade dos empregados/as das mercantís de conservación e mantemento de estradas, “reivindicación recorrente deste sector pola que a FCM-CIG seguirá loitando”.

Seguen os "chiringuitos"

Segundo a central sindical con este pacto as partes garanten a continuidade dos seus “chiringuitos”. Crean unha nova formación para que siga subsistindo “o seu negocio en común”: a Fundación Laboral da Construción. As persoas asalariadas de arqueoloxía, instalacións de prefabricados, grúas torre e telescópicas, etc. “quedan na súa man, facéndolle pagar a formación que só permiten dar eles mesmos para poder optar aos diferentes postos”. 

Denuncian que CCOO e UGT insisten no desmantelamento das pensións públicas dignas

De igual xeito, o Plan de Pensións “deixa claro” que CCOO e UGT seguen a apostar polo desmantelamento das pensións publicas dignas. “Semella que teñen moitos intereses económicos neste tipo plans, tentando derivar diñeiro publico a mans privadas, comprometendo uns futuros incentivos polo Goberno que non se coñecen, cartos públicos que pertencen á cidadanía e cos que poderían dignificar as pensións públicas ou mellorar a saúde ou o ensino”.

Finalmente, inciden que tendo en conta da importancia do que se está a negociar en Madrid “as persoas traballadoras do noso país non poden quedar unha vez máis de costas, obrigándonos a saír á rúa a defender os nosos dereitos, a non renunciar a un salario digno, a unhas pensión públicas decentes”. Por iso consideran imprescindíbel que, coa FCM-CIG “como ferramenta para frear este atraco”, a clase traballadora galega lle faga fronte “a esta deriva dos sindicatos estatais, entregados ao poder, amarelos, e lles impida asinar o mesmo nos nosos convenios provinciais”.