A FCM-CIG rexeita o peche patronal na construción e aconsella o persoal que acuda ao seu posto
A executiva nacional da Federación da Construción e Madeira(FCM) da CIG, reunida de urxencia esta tarde ante as últimas noticias que indican que a patronal ordena parar a actividade do sector da construción, fai público o seu rotundo rexeitamento do que considera unha manobra “sucia e completamente ilegal que pasa por alto todas as normas e convencións laborais e legais” para exercer unha medida de presión contra a situación económica usando o seu persoal coma “ariete”, que se verá gravemente prexudicado.
Dende a central sindical lembran que a Organización Internacional do Traballo (OIT) define o peche patronal como "o peche total ou parcial dun ou máis lugares de traballo, ou a obstaculización da actividade normal dos empregados/as, por un ou máis empregadores/as coa intención de forzar ou resistir demandas ou expresar queixas, ou apoiar a outros empregadores nas súas demandas ou queixas".
A medida pola que se optou é a máis inasumíbel e prexuizosa para a clase traballadora
A resposta a nivel internacional é diversa, mais no Estado español a xurisprudencia non o recoñece como dereito fundamental e só o xustifica nos casos de risco de "violencia para as persoas e as cousas", "ocupación ilegal do centro de traballo" ou polo "volume da inasistencia ou irregularidades do traballo"; ningún destes casos se produce nestes momentos. Por iso lle recomenda o persoal do sector que continúe a acudir ao seu posto de traballo.
Se ben a CIG pode comprender que a situación externa e interna cause problemas no sector, “tamén cremos que existen outras medidas para afrontar a situación actual, coma o artigo que existe en todos os convenios do sector que permite a recuperación de horas non traballadas por causas coma, entre outras, a propia falta de subministros, ou nos casos máis extremos, incluso o ERTE”. Porén, lamentan que a medida pola que se optou é a máis inasumíbel e prexuizosa para a clase traballadora, “que queda nunha completa incerteza ante o que vai pasar”.