A FCM-CIG rexeita a represión sindical en Carpintería Cerqueiro e reclama a readmisión do delegado despedido

A Coruña - 22 Xul 2026

A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia o despedimento represivo aplicado pola empresa Carpintería Cerqueiro (con naves en Carral e Culleredo) contra o delegado da central nacionalista no comité. A empresa pretende xustificar a medida en base a un expediente sancionador totalmente fraudulento que para a FCM-CIG ten como único obxectivo desfacerse deste traballador pola súa actividade sindical.

Hai que subliñar que o traballador despedido foi o promotor das primeiras eleccións sindicais celebradas na historia desta empresa, que utilizou todo tipo de trampas e artimañas para intentar impedir que gañara a candidatura da CIG. Non obstante, o compañeiro resultou elixido delegado no comité e foi grazas a súa persistencia e ás súas denuncias que o órgano de representación comezou a reunirse e actuar como tal.

“A partir de aí, destaca da FCM-CIG da Coruña, comezou a represalia e a persecución: foi o único traballador de Cerqueiro que non recibiu a cesta de nadal e o único ao que non lle pagaron os atrasos de convenio. Finalmente, a empresa púxolle un detective privado que o perseguía a todas horas, mesmo cando estaba coa súa familia, e tamén durante o uso do creto sindical, algo que pode constituír un indicio de conduta antisindical da empresa”.

A central rexeita esta represión da empresa e reclama a readmisión inmediata do compañeiro despedido. E lembra que este non é primeiro caso que se rexistra en Cerqueiro pois, no seu momento, a empresa despediu a unha traballadora por presentarse de candidata pola CIG na oficina. Neste caso, a compañía acabou recoñecendo a improcedencia do despedimento e unha indemnización por danos morais e prexuízos.