A FCM-CIG mantén un encontro coa Feviccom para tratar a situación das/os traballadoras/es transfronteirizas/es
O pasado sábado, unha delegación da federación de Construción e Madeira (FCM-CIG) achegouse á cidade do Porto para participar nunha xuntanza de traballo e reforzar a relación coa FEVICCOM-Federação dos Sindicatos da Construção, Cerâmica e Vidro da CGTP-IN.
A reunión, explica a FCM-CIG, serviu para abordar a situación do persoal transfronteirizo galego e portugués, "sometido desde hai anos a un esquema laboral que recorre ao peor das normativas dos dous países limítrofes para afondar na explotación da clase traballadora de sectores coma a construción, madeira ou canteiras".
A FCM agradécelle á FEVICCOM o convite e a súa permanente disposición a colaborar coa Confederación Intersindical Galega e pon en valor "todos os elementos da estratexia e da loita das dúas centrais que nos achegan no obxectivo común de mellorar as condicións de vida e traballo da clase obreira galega e portuguesa e internacional a través da UITBB".