A FCM-CIG logra representación por 1ª vez en Aserpal e queda a só 4 votos de ser a forza máis votada
A CIG vén de conseguir, por primeira vez, representación en Aserpal, SA -fábrica de taboleiro de madeira situada en Vilasantar-. Esta é a primeira ocasión na que a central nacionalista logra presentarse neste centro de traballo, quedando a tan só catro votos de ser a forza máis votada. Así no colexio especialistas e persoal non cualificado, CCOO logrou 22 votos, a FCM-CIG obtivo 24 votos e a USTG 28, mentres que no de técnicos/as a representación foi para a lista independente, a única presentada.
A CIG valora positivamente este resultado "histórico" e inesperado nesta empresa, "xa que é a primeira vez que conseguimos presentar candidatura, a pesar das moitas dificultades debido á campaña de acoso contra os nosos candidatos".
Así mesmo, a Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña agradece o apoio recibido por parte do persoal, reafirmando "o noso compromiso de convertermos na alternativa á actual maioría do comité de empresa, representar dignamente os intereses do conxunto do persoal e defender a liberdade sindical, a transparencia e o dereito a decidir de todos os traballadores e traballadoras sobre as cuestións que lles afectan".
Este resultado reforza a posición maioritaria da CIG no sector da madeira na provincia da Coruña.