A FCM-CIG denuncia que Arias Infraestructuras deixa tirado o persoal integrado en UTE
A Federación da Construción da CIG denuncia que a construtora coruñesa Arias Infraestructuras SA, que entrou este mes en concurso de acredores tras 67 anos de historia, "deixou tirado" o persoal destinado en distintas UTE, ás que non se lle está a dar ningunha solución á situación de impagos.
Malia que a empresa acaba de abonar aínda agora o salario de febreiro que tiña pendente ao conxunto do seu cadro de persoal, non o fixo así coas persoas traballadoras destinadas en Unións Temporais de Empresa, ás que, advirte a FCM-CIG, "deixa literalmente tiradas, e ás que tampouco se lle está a indicar por parte de Arias ningunha saída". De feito, a única resposta que se lle está a dar ás traballadoras e traballadores nesta situación é "que denuncien".
"Parécenos inconcibíbel que unha empresa con esta traxectoria trate con este desleixo a parte do seu propio persoal, que se suman deste xeito á situación desesperada na que a compañía deixa aos seu provedores e colaboradores", subliña Mario Maceiras, secretario da Federación de Construción da CIG na Coruña.
A central sindical anima o conxunto do persoal nesta situación a que non renuncie a defender os seus dereitos e a esixir a totalidade dos pagos que se lle adebedan, "xa que non poden resultar ser as e os principais prexudicados pola crise da compañía".
Unha situación crítica, explica a FCM-CIG, "arrastrada por unha sucesión de decisións empresariais moi controvertidas, coma unha desastrosa aventura empresarial en Bolivia", ou as distintas medidas internas "que foron laminando a confianza do persoal no futuro da compañía": un ERE anulado pola xustiza, varios ERTE completamente inútiles, unha modificación substancial das condicións de traballo (coa redución xeneralizada dos salarios) que se viron obrigados a anular aos poucos días...
Todo isto, salienta, motivou unha fuxida de profesionais que acabou, esta semana, nun concurso de acredores.