A FCM-CIG denuncia o despedimento represivo da candidata da central nas eleccións en Carpintería Cerqueiro
A federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña denuncia o despedimento inxusto da candidata da central nacionalista nas pasadas eleccións sindicais na empresa Carpintería Cerqueiro (con centros de traballo en Carral e Alvedro). A traballadora, que non saíu elixida no colexio de persoal técnico ao que se presentaba por dous votos, é a actual responsábel da sección sindical da CIG na empresa.
Para a FCM-CIG esta decisión constitúe unha evidente represalia sindical xa que o mesmo día que se soubo que a traballadora ía encabezar a candidatura da CIG nas oficinas "a dirección cambiouna de posto, logo comezou a perseguila e a cuestionar todo o que facía até provocarlle unha crise de ansiedade pola que requiriu atención médica". Agora, denuncia o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, a empresa decide executar a medida máis extrema: o despedimento.
Maceiras subliña que as eleccións sindicais preavisadas pola CIG foron as primeiras que se celebraron na historia desta empresa e critica que, "en pleno século XXI, Cerqueiro non demostra reparo algún en perseguir o seu persoal pola súa actividade sindical". Diante desta actuación represiva, a CIG exixe a inmediata readmisión da traballadora no seu posto e que a empresa respecte os dereitos e a liberdade sindical de todo o persoal.