A FCM-CIG denuncia a excesiva subcontratación no sector da construción e pide extremar as medidas de prevención e saúde laboral
“Unha vez máis, temos que lamentar a morte dun traballador noutro accidente laboral acontecido na nosa comarca e facer un chamamento para que este tipo de accidentes non se repitan”, subliña o Secretario Comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez.
Dende a Federación destácase que a prevención e a saúde laboral, con especial atención no sector da construción, non debe ser considerado un mero trámite “polo que é necesario darlle a importancia que ten para evitar acontecementos como este”.
Sen entrar a valorar concretamente o acontecido no accidente deste luns, xa que aínda segue a investigación aberta, unha vez máis a FCM-CIG quere denunciar a excesiva subcontratación que hai no sector da construción e que moitas ocasións vai en detrimento das condicións de seguridade e saúde, salariais, etc.
Para a FCM-CIG a situación de crise económica tamén inflúe no feito de que as condicións de seguridade e saúde pasen a un plano secundario, debido moitas veces aos baixos prezos, que levan as empresas a recortar en todos os aspectos, e entre eles a prevención.
Dende a FCM-CIG engaden que estarán atentos ao desenvolvemento da investigación e seguirán a traballar para que non se repitan este tipo de accidentes.