A FCM-CIG de Vigo, contra os incumprimentos do convenio provincial de Rematantes e Serradoiros

Seis meses despois da entrada en vigor do acordo moitas empresas seguen sen aplicalo
Vigo/Pontevedra - 30 Xun 2022

A Federación de Construción e Madeira da CIG de Vigo vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña contra os incumprimentos do convenio provincial de Rematantes e Aserradoiros de Madeiras por parte de moitas das empresas que realizan algunhas das actividades incorporadas ao acordo. Deste xeito, seis meses despois da entrada en vigor do texto compañías que desenvolven labores de tratamento forestal, talas ou desbroces continúan a aplicar o Estatuto do Traballo aos seus empregados/as, cando deben de rexerse xa polo convenio provincial.

Nunha primeira fase a central sindical denunciará diante da Inspección de Traballo as empresas que transcorrido este tempo seguen a incumprir o acordo, “xa que os cadros de persoal teñen que estar regulados xa polo convenio provincial e non polo Estatuto do Traballo nin por calquera outra normativa laboral”, segundo explica o secretario comarcal da CIG-Construción, Carlos Méndez. 

Presentarán denuncias diante da Inspección e non descartan convocar protestas

O responsábel sindical sinala que o novo convenio, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o pasado 17 de setembro, incorporara unha serie de actividades como tratamentos forestais, talas, podas, desbroces, cortas de lume, eliminación de especies invasoras e prevención de incendios forestais, sempre e cando se realicen no medio forestal. E no caso da prevención de incendios sempre que non se leve a cabo polos operativos de prevención e extinción de lumes.

“Mais seis meses despois da entrada en vigor do acordo moitas das empresas que fan estas labores continúan sen aplicar o convenio e seguen a rexerse polo Estatuto do Traballo, o que se traduce nunhas peores condicións laborais para o persoal afectado”, censura Méndez.

Por iso a CIG acordou iniciar unha campaña para forzar a estas compañías a rematar con esta situación e a mellorar as condicións de traballo de centos de empregados/as. Nunha primera fase consistirá nas denuncias diante da autoridade laboral, sen descartar a posta en marcha dun calendario de mobilizacións no caso de que as empresas insistan en incumprir os acordos.