A FCM-CIG de Ourense denuncia a “traición” de CCOO e UGT no convenio da construción
A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncia que o acordo asinado onte por CCOO e UGT coa patronal sobre o convenio colectivo provincial da construción supón “unha nova traición” das centrais estatais ao persoal do sector. Dende a central lamentan que estas organizacións sindicais renunciasen a calquera tipo de mellora sobre o convenio estatal, incluso ao 0,5% de suba salarial para 2022 que ofrecera o empresariado a maiores.
O acordo, que non foi asinado pola CIG, pechouse despois de que as partes mantivesen unicamente catro xuntanzas, a primeira en decembro de 2022. A secretaria comarcal da FCM de Ourense, Melanie Arias, censura o feito de que CCOO e UGT nin sequera fosen quen de manter o 4% para o ano 2023 que se contempla no V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva que veñen de pactar coa patronal española, e que a central sindical CIG rexeita porque “afonda na precarización das condicións laborais da clase traballadora”.
As centrais estatais volven situarse do lado da patronal e en contra dos intereses da clase traballadora e perpetúan a precariedade e o empobrecemento do persoal do sector
En canto ao convenio provincial da construción, sinala que para acordar as mesmas condicións que establece o estatal (3% para 2022, 3% para 2023 e 2,75% para 2024) “as centrais estatais puideron asinar xa o primeiro día e non andar xogando ás negociacións, porque finalmente deixan sen un incremento de soldos digno os traballadores/as”.
Neste senso, Arias lembra que as propostas da CIG pasaban por pactar un convenio só para 2022 e 2023, cunha suba salarial do IPC real (5,7%) e do 5%, con cláusula de revisión a IPC real; por establecer a xornada intensiva durante o verán, con horario de 7:00 a 15:00 horas; por ampliar a indemnización en caso de morte ou incapacidade permanente; e por trasladar o inicio dos permisos e licenzas de días naturais a días laborábeis.
No que ten que ver coa subrogación do persoal en contratas de mantemento de estradas e vías férreas, a central reclamaba que se tivera en conta nos despedimentos a antigüidade a efectos económicos dende o primeiro día no centro de traballo, máis o plus de perigosidade. E tamén que se equiparase o importe das pagas extras e das vacacións ao salario mensual.
Aposta decidida pola CIG
Por iso consideran que coa sinatura deste convenio CCOO e UGT volven situarse “do lado da patronal” e en contra dos intereses da clase traballadora e perpetúan unha vez máis a precariedade e o empobrecemento do persoal do sector na provincia de Ourense.
Fronte a isto, fan fincapé en que a única forma de evitar “esta sangría de perda de dereitos” é que os traballadores/as aposten de xeito decidido pola CIG nas eleccións sindicais para ter a maioría “e poder forzar as negociacións nos convenios co obxectivo de dignificar as condicións laborais e salariais no sector”.