
A FCM-CIG de Lugo denuncia a equidistancia do conselleiro de Emprego con respecto aos impagos de A Vida 013

A Federación da Construción e da Madeira da CIG de Lugo lamenta as declaracións ofrecidas polo conselleiro de Emprego, Comercio e Inmigración, José González, con respecto á situación da empresa lucense A Vida 013. Hai que lembrar que esta compañía acumula tres meses de salarios impagados ao seu cadro de persoal, composto maioritariamente por persoas inmigrantes que se ven abocadas á situacións de emerxencia social pola falta de fondos para asumir alugueiros e incluso a compra da comida diaria.
“É vergoñento que o conselleiro José González, que acudiu lixeiro e veloz a reunirse co xerente de Sargadelos, Segismundo García, para ofrecerlle todo tipo de facilidades no incumprimento flagrante da lei que denunciou a Inspección de Traballo, axeonllándose diante do desprezo ás leis e á seguridade e saúde do persoal, para lavarlle a cara á empresa nun tema tan grave coma a silicose, agora chame á ‘maior negociación posíbel’ entre A Vida 013 e os seus traballadores e traballadoras diante dunha situación alarmante”, denuncia o responsábel da federación, Afonso Losada.
Considera que falar de negociación nesta situación amosa claramente a actitude habitual da Consellería de Emprego e do seu titular “que debería esixir o pagamento inmediato dos salarios e o cumprimento de todas as súas obrigas”. Para Losada, a equidistancia amosada polo conselleiro coas súas declaracións demostra “que está máis preocupado pola situación empresarial que pola situación dos traballadores e traballadoras, que roza a emerxencia social en moitos casos”. Critica que esta sexa a práctica común da Consellaría “que se inhibe de calquera conflito laboral agás do que aconteceu en Sargadelos”.
Compañía esta na que, lembra, foi directiva a parella de Feijoó e que ten unhas relacións privilexiadas coa cúpula do PP “como se amosa nos foros anuais da Fundación Sargadelos nos que é recorrente a participación de dirixentes do Partido Popular”.
Situación alarmante do persoal
A CIG quere poñer o foco na situación dramática que atravesan os traballadores e traballadoras de A Vida 013 e as súas familias e reclámalle á Consellería de Política Social que tome cartas no asunto. Así mesmo, apela á comprensión das persoas que se poidan ver afectadas indirectamente por esta situación allea ao persoal “coma poidan sen as persoas arrendatarias. O persoal acabará cobrando, aínda que tarde un tempo. E en último caso, o FOGASA garante até catro meses dos salarios adebedados”, salienta Losada.
Neste sentido, demándalle á empresa que presente un plan de viabilidade con urxencia ou, de non existir solución financeira posíbel, recorra aos mecanismos que lle facilita a lexislación para non seguir acumulando débedas económicas co seu persoal.