A CIG denuncia escravitude e explotación laboral nas obras do AVE en Ourense
A Federación de Construción e Madeira da CIG relanzou a campaña iniciada no 2018 para denunciar a vulneración masiva de dereitos laborais nas obras das novas vías do AVE entre Ourense e Lubián, en concreto no tramo máis próximo á Gudiña, onde se dan condicións de traballo que cualifican de “escravitude e explotación laboral”. A central entregou hoxe na Inspección de Traballo un informe no que se detallan as preto de 70 mil horas extras abusivas realizadas nun ano, coa conseguinte fraude á Seguridade Social.
Segundo critican dende a FCM, os abusos acontecen ante a mirada impasíbel do Ministerio de Fomento e da Xunta, que unicamente se preocupan polos anuncios electoralistas dos prazos de remate das obras, mentres que FCC, Ferrovial e unha manchea de subcontratas de Galiza, Portugal e do Estado español están a facer o seu agosto a conta dos 326 obreiros que nalgún momento foron explotados salvaxemente nestas obras, véndose obrigados a desenvolver unhas xornadas infinitas nunhas condicións absolutamente miserentas.
En canto á xornada, a central fai público un informe, extracto doutro máis amplo presentado á Inspección, sobre a xornada laboral nesta obra, cuxas conclusións son completamente demoledoras: os operarios/as veñen desenvolvendo unha media de 4,56 horas extras ilegais ao día, é dicir, 12 horas e media seguidas de traballo. Mais tamén hai operarios que chegaron ás 21 horas, duplicando e case triplicando a xornada legal, sendo a excepción os que cumpriron algún día coas 8 horas fixadas no convenio.
A fraude acumula só desde maio de 2019 máis de 68 mil horas extras ilegais que as empresas nunca aboaron aos seus operarios nen cotizaron á Seguridade Social, coas que gañaron preto de 900 mil euros, suficientes para contratar 44 oficiais de primeira durante un ano enteiro. “Imaxinemos o alcance real da fraude tendo en conta que as obras comezaron no 2007”, sinalan.
A CIG porase á disposición dos afectados para que poidan reclamar das súas empresas o case millón de euros que lles adebedan: hai 175 operarios que poden recuperar máis de 1000 euros e en 18 casos máis de 10 mil. “Así mesmo, esixiremos que as empresas fagan o abono íntegro das cotas defraudadas á Seguridade Social”.
Sen váteres, espazos de descanso nen auga potábel, e “aseándose” con augas fecais
Máis dunha decena de operarios traballaron todos os días durante febreiro e tamén en marzo: a alerta sanitaria do Covid-19 non fixo senón aumentar os abusos pois lonxe de reducirse os excesos disparáronse.
A central nacionalista puido comprobar in situ as condicións de completa miseria e precariedade ás que están sometidos os traballadores. Non teñen auga potábel, aseos, vestiarios nen comedor en quilómetros, nen un vehículo para desprazarse aos que hai na entrada das obras, e antes de xantar só dispoñen de auga procedente dun rexistro de augas fecais para “asearse”.
Por outra parte dentro dos túneles a iluminación é case nula e malia que o ruído é ensordecedor, non se usa protección auditiva. Os trens pasan cada pouco tempo a toda velocidade e sen apenas decelerar, a escasas distancia dos operarios das vías. Moitos traballadores inmigrantes viven amoreados en casas comúns alugadas polas empresas na zona.
Elevadísima sinistralidade que pode ser só a punta do iceberg
Con esas condicións non é de estrañar o altísimo índice de sinistralidade na obra, moitos deses accidentes producidos unha vez superadas as 8 horas de traballo. A CIG ten rexistrados nestas obras un mínimo de 21 sinistros, que deixaron 6 operarios mortos e preto dunha trintena de feridos, incluíndo varias amputacións e atropelos graves. Mais cremos que en realidade a cifra de sinistros pode ser superior, pois temos constancia de que houbo algúns accidentes non foron notificados, senón que cesaron ao operario accidentado por baixa voluntaria “por non xustificar” a inasistencia ao traballo.
A CIG xa denunciou en 2018 a elevada sinistralidade desta obra ao Xulgado, que iniciou dilixencias previas das que a CIG fai parte coma acusación particular.
Man de obra barata e precaria
As empresas que participan nas obras foron conformando unha especie de bolsa de man de obra barata e submisa, conformada principalmente por varios centos de operarios da construción inmigrantes (compañeiros portugueses, bolivianos, magrebís, filipinos, subsaharianos, etc...) ou ben desempregados de longa duración, que se vén obrigados a aceptar estas condicións infrahumanas ao non ter outra alternativa, e que abandonan a obra en canto xurde a primeira oportunidade.
Para lograr este obxectivo as empresas estabeleceron un sistema de “premios” e “castigos” en número de xornadas traballadas, en función do que estean dispostos a tolerar os operarios sen rechistar, incluíndo faltas de respecto e mesmo insultos racistas. Os obreiros son literalmente chamados ou non cada día a traballar, sen saber case nunca se volverán a pisar a obra. Isto explica que mentras uns operarios desenvolveron centos de xornadas de traballo outros só sexan chamados esporadicamente, ás veces unha vez en todo o mes.
Deste xeito, ao final de cada xornada o operario non ten máis remedio que esperar unha nova chamada para traballar. Se xa non contan con el, aos tres días tramitan a "baixa voluntaria" simulando que foi o operario quen decidiu non se presentar na obra, omitindo o abono de indemnización e privándoos do dereito ao subsidio de desemprego.
O mesmo acontece coas persoas que chegan a atreverse a protestar polas condicións abusivas de traballo, ou cando a empresa descubre que están afiliados ao sindicato; son castigados non volvendo a ser chamados, e dados de baixa voluntaria por “inasistencia”.
“Temos constancia de que varias persoas abandonaron as empresas con cadros clínicos de trastornos psicolóxicos graves derivados da experiencia vivida nestas obras”.
A CIG esixirá responsabilidades
O máis grave desta situación é que todo acontece nunha das maiores obras públicas de Galiza e mesmo do Estado, “pagada cos cartos de todas nós”. Mais as autoridades galega e estatal (PP e PSOE) só semellan preocupados por adxudicárense o seguinte titular sobre a enésima promesa de chegada do AVE; porén case ninguén alén da CIG, que xa paralizou no 2018 as obras para denunciar a explotación, se ten feito eco do que está pasando cos traballadores.
En canto ás empresas, teñen claro é que alguén se está beneficiando -e moito- con esta situación, “e non pararemos ata dar cos responsábeis”. Polo de pronto sinalan directamente a Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) e FERROVIAL AGROMAN, pois son as adxudicatarias dos tramos onde están a cometerse os atropelos. Estas dúas empresas españolas son adxudicatarias de boa parte da obra pública licitada en Galiza, e de feito FCC ocupa un lugar preeminente na patronal galega da Construción, formando parte da directiva de APECCO, á que adoita representar nas negociacións do convenio en Madrid. Que sexa precisamente unha das principais empresas da construción facilite ou promova impunemente unha situación de escravitude laboral nunha obra pública de primeira orde debería preocupar moito á sociedade galega.
Tampouco pasan por alto o papel das subcontratas galegas MAQUISABA, VILARIÑO e GAZA URBAN, españolas coma EHA ou HERGON METROPOLITAN, e lusas coma a ETT MY WORK, pois ao fin e ao cabo son ás que pertencen en realidade os operarios explotados. Todas elas foron denunciadas xa pola CIG ante a Inspección de Traballo nas súas respectivas direccións provinciais, mentras avaliamos as posíbeis respostas sindicais e mesmo xudiciais ante esta situación vergonzosa que ten que rematar aquí e agora.