A FCM-CIG alerta que Redecnor segue a tentar defraudar persoal cambiando de nome: AVE e Luicar
A Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña alerta que a dirección de REDECNOR segue a tentar defraudar masivamente o persoal do sector da construción, da carpintería e do metal, cambiando o seu nome comercial. A FCM-CIG sinala que Redecnor é unha construtora "pirata" practicamente disolta despois das denuncias da central a raíz dos incumprimentos laborais que provocaron a saída de ducias de operarios/as con varios miles de euros adebedados, situación que xa está en coñecemento tanto da Inspección de Traballo como dos Xulgados do Social da Coruña.
É o caso de AVE Soluciones en Madera SL, nova sociedade enfocada á carpintería de madeira e instalada irregularmente no Polígono de Alvedro, e de Luicar Soluciones Metálicas SL, neste caso enfocada á carpintería metálica, que fixou as súas instalacións no mesmo polígono. Neste mesmo parque empresarial de Alvedro aínda sobrevive a empresa matriz deste entramado, Redecnor Gestión SL, suponse que sen traballadores/as.
A CIG xa denunciara estas empresas cando aínda operaban de forma clandestina, e os seus operarios/as eran contratados aínda coa denominación da empresa matriz, mais, despois da denuncia da central sindical, foron "legalizadas" baixo os seus novos nomes.
Contratos lixo e impago de soldos
Polo demais, explica a FCM-CIG, o modus operandi segue a ser o mesmo: o empresario publica ofertas nos portais de emprego enfocadas a persoal principalmente moi novo ou migrante, "aproveitando o seu descoñecemento sobre o pasado do empresario principal da trama, quen leva varias décadas abrindo e pechando empresas, deixando atrás un regueiro de operarios/as, clientes e provedores defraudados/as. Xa o fixo con NMANO 2012 SL, Ambientes Coruña SL, Grupo Gallego de Contratos y Getiones SL ... e ao parecer a intención é de seguir facéndoo".
Unha vez iniciada a relación laboral, "habitualmente con contratos lixo de media xornada e mesmo sen contrato, incrementa as súas esixencias en materia de xornada e fins de semana, e logo comezan os impagos de até 4 mensualidades, até finalmente provocar a saída voluntaria do persoal para evitar pagarlle a indemnización, ou no caso de negarse, esixindo a sinatura do finiquito coa promesa de aboarllo despois na conta, o que nunca acontece".
Cos provedores, persoal autónomo e clientes a situación non é mellor, pois ten un regueiro de débedas e incumprimentos que as deixaron en situacións desesperadas.