A FCM-CIG alerta dos incumprimentos de Globaltec Enterprises, unha empresa 'pirata' de reformas
A Federación de Construción e Madeira da CIG quere denunciar a situación que se está a dar na empresa Globaltec Enterprises SL, na que o impago dos salarios a traballadores/as xa se converteu en práctica habitual. A empresa, propiedade de José Raúl Pérez Gómez, opera na área da Coruña e dedícase fundamentalmente a actividades de reforma de fachadas para particulares e comunidades veciñais.
A Federación de Construción e Madeira da CIG explica que o pasado ano multitude de traballadores se achegaron á central sindical para denunciar que non cobraron os seus salarios e que o empresario se está a financiar grazas a estes impagos. Así, e até onde a CIG ten coñecemento, todos os traballadores que pasaron pola empresa no último ano saíron dela tras sucesivos impagos, que seguen sen cobrar na actualidade. Ademais, a compañía ten deixado numerosas obras para os seus clientes a medio facer.
"Cando isto pasa, explica a FCM-CIG, o empresario coloca un anuncio na prensa para contratar novo persoal e poder continuar operando deste xeito, valéndose do gran retraso que existe nos xulgados sociais da Coruña. A sensación de impunidade é tal que a aquel traballador que lle reclama as cantidades adebedadas contéstalle literalmente 'ponte á cola para cobrar'; ironizando con que deixou xa moitos operarios na mesma situación, e tendo provocando situacións persoais e familiares desesperadas".
O mesmo fai cando un cliente decide finalmente rescindirlle o contrato polos incumprimentos: o empresario abandona a obra sen rematala e, sen máis, volve a ofertar e contratar con outras comunidades de propietarios ás que sempre esixe pagos por adiantado. "Deste xeito, arrastra xa varios anos deixando multitude de obras sen realizar malia cobralas total ou parcialmente", advirten.
Esta forma de funcionar completamente 'pirata' xa motivou numerosas denuncias xudiciais contra a empresa e que moitos operarios e comunidades decidiran deixar de traballar con esta empresa. Porén, "cónstanos que segue tentando enganar tanto a novos operarios como a novos clientes e por iso decidimos denuncialo publicamente, para que ninguén máis, nin operarios nin comunidades veciñais, se volvan ver estafados por este empresario absolutamente desaprensivo", explica a FCM-CIG. A federación engade que, ao parecer, non é a primeira vez que este empresario opera deste xeito "senón que xa o ten feito con anterioridade baixo outros nomes de empresa".