A falta de fiscal no Xulgado de Violencia imposibilita a celebración simultánea de xuízos penais e civís
O sector de Xustiza da CIG quere denunciar publicamente a situación que se está a rexistrar no xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña pola falta de nomeamento dun/ha segundo/a fiscal, o que impide que os xuízos civís e penais se podan celebrar de maneira simultánea, provoca atrasos nas vistas, ou incluso que os traballadores e traballadoras teñan que prolongar a súa xornada laboral indebidamente.
Isto acontece porque a xuíza de adscrición temporal que ocupaba o cargo antes da toma de posesión da xuíza titular non foi cesada, pero tampouco recibiu aínda un nomeamento formal asinado e, polo tanto, a Fiscalía négase a enviar a un/ha segundo/a fiscal. Esta negativa provoca que ambas as dúas xuízas (unha encargada dos procesos penais e outra dos civís) teñan que compartir ao único fiscal destinado neste xulgado, véndose así na obriga de ter que agardar a que remate unha vista para poder iniciar a outra.
"Resulta imposíbel poder celebrar ao mesmo tempo dous xuízos, o cal é pouco eficiente e causa un enorme prexuízo tanto á cidadanía (que sofre atrasos intolerábeis na resolución dos procesos e ten que agardar horas e horas nas dependencias xudiciais) como ao propio persoal, que se ve obrigado a prolongar a súa xornada laboral de maneira indebida", denuncia a CIG-Xustiza.
Esta situación xa foi posta en coñecemento tanto da Fiscalía como do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para que adoptaran as medidas urxentes necesarias, pero o alto tribunal "segue sen realizar o nomeamento formal da xuíza e seguimos sen ter un segundo fiscal. Non entendemos este desleixo absoluto por parte da Administración, mais cando estamos a falar dunha cuestión tan delicada como a violencia contra a muller. Por iso, esiximos unha solución inmediata para garantir que se imparta unha xustiza rápida e efectiva e que respecten as condicións do persoal".