A escaseza de persoal coloca os centros de Política Social á cabeza en número de accidentes laborais
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a escaseza de persoal nos centros que xestiona a Consellaría de Política Social colócaos á cabeza no número de accidentes laborais, até o punto de que só no primeiro semestre deste ano rexistráronse un total de 71 incidentes deste tipo.
Dende a CIG-Autonómica lembran que estas instalacións quedan sen reforzos pola covid para 2022, ao tempo que tampouco se recuperan os contratacións que permitan os descansos recollidos no V Convenio Colectivo, “o que segue a sobrecargar o persoal, que xa acumula 71 accidentes laborais tan só no primeiro semestre de 2021”.
Ademais, critican que a Consellería siga a discriminar as traballadoras/es dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de día, Centros de persoas dependentes, etc) “facendo un paripé de negociación das carteleiras de traballo e incluíndo xornadas leoninas que imposibilitan a conciliación da vida laboral e familiar, coa sobrecarga de todo o persoal”.
Neste senso, sinalan que nos últimos anos elimináronse “infinidade” de postos de traballo de atención directa, “até o punto de que durante a pandemia houbo que reforzar os cadros de persoal para poder seguir coa atención ás persoas que están ao noso cargo”. Como exemplo, indican que o vindeiro 31 de decembro rematan os “escasos” reforzos covid “e atoparémonos con 800 contratos menos que en 2011”.
E lamentan que a pesar desta situación a Consellería continúa negándose a aumentar os cadros de persoal, “todo a costa da saúde dos propios traballadores/as e do seu dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral e familiar”. Porque tampouco se cobren “dilixentemente” as baixas nin se reforzan as adaptacións de postos por razón de saúde.
Lesións e problemas de saúde
Isto tradúcese nunha sobrecarga de traballo nos centros que está a provocar lesións e problemas de saúde entre o persoal por causa dos sobreesforzos. “Recordamos que o persoal desta Consellería é o que máis accidentes laborais sofre xunto cos bombeiros forestais, e levamos demasiado tempo mantendo o servizo a costa da saúde do persoal, algo indignante, máis aínda cando estes accidentes son evitábeis”.
Pero a Consellería segue a afondar na precariedade e a negar calquera compensación por traballar domingos e festivos; segue a negar calquera tipo de conciliación familiar; e mesmo nega a posibilidade de que traballadoras que teñen crianzas en corentena pola covid poidan quedar na casa coidándoas.
Por todo isto, dende a CIG-Autonómica esíxenlle á Consellaría a apertura dunha mesa de negociación na que se aborde a necesidade de adaptar os cadros de persoal á realidade actual coa creación de postos de traballo, “así como abordar, dunha vez por todas, a compensación por traballar os domingos e festivos e os dereitos laborais do V Convenio Colectivo Único arrebatados en 2012”. Co obxectivo de garantir unha atención e uns coidados de calidade nos servizos asistenciais públicos, “para o que é preciso tamén termos dereitos laborais que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras”.