A falta de internistas eleva o estado de abandono do Hospital da Mariña á "alerta vermella"

Nos últimos meses, seis internistas e dúas xeriatras abandonaron o centro
Burela - 15 Xan 2025

A CIG-Saúde alerta do incesante desmantelamento do Hospital da Mariña. Se a finais de 2024 denunciaban a falta de especialistas de Cardioloxía, Dixestoloxía e Uroloxía, agora alertan da demoledora situación na que se atopa o servizo de Medicina Interna coa súa capacidade reducida á metade.

Segundo explican, o Hospital da Mariña debera estar dotado de cando menos 14 médicos/as especialistas en Medicina Interna para cubrir as necesidades dunha comarca con máis de  72.000 habitantes e poder ofertar un servizo de calidade  cubrindo as seguintes necesidades:

  • Dúas consultas diarias activas.
  • Optimización do uso de antibióticos de pacientes ingresados
  • Asistencia compartida con outras especialidades
  • Hospital de Día de Medicina Interna
  • Atender as e os pacientes ingresados a seu cargo.
  • Cubrir as gardas médicas da especialidade.

Alta ocupación de doentes

A central sindical explica que, a falta de especialistas en Medicina Interna que vén arrastrando de xeito constante este centro hospitalario, fai que a data de hoxe haxa 5 efectivos a xornada completa das 10 prazas dotadas, para atender urxencias, consultas externas e pacientes ingresados. A isto súmaselle á alta ocupación de pacientes a cargo de Medicina Interna (superando as 60 persoas ingresadas en días pasados) e a sobrecarga xerada pola falta de persoal facultativo do aparello dixestivo e de cardioloxía, así como a falla de oncólogos e oncólogas que asuman pacientes ingresados.

Todo isto provoca que se incumpran os cocientes recomendábeis para ofertar unha atención de calidade (8 persoas ingresadas por especialista), chegando a ter asignados cada un dos especialistas até 18 pacientes por quenda. Unha cifra que, alerta a CIG-Saúde, resulta totalmente inadmisíbel e que pon en risco a saúde tanto das persoas pacientes como dos e das propias profesionais. Tamén que se estean a desprogramar consultas. "Péchanse as dúas consultas de Medicina Interna disparando os tempos de agarda para consultas, tanto primeiras como revisións,  a cifras máis que preocupantes", subliñan.

Segundo os datos do primeiro semestre de 2024 publicados polo SERGAS, a media de espera no HULA ou en Monforte é de 10-15 días mentres en Burela a espera é de 4 meses, 121 días. "Das e dos 248 pacientes de todo o SERGAS con esperas de entre 3 e 6 meses, 225 son da Mariña e, pacientes en todo o SERGAS con esperas de 6 a 12 meses, figuran rexistrados 187, que son todos e todas da Mariña".

Desprazamentos e derivacións ao HULA

A falta de especialista suficientes ocasiona tamén desprazamentos de doentes da Mariña a consultas de Medicina Interna que son programadas no HULA, e que se deriven ao Hospital de Lugo pacientes deste servizo que requiren de ingreso. Neste senso, salienta a CIG-Saúde que "nos últimos meses, 6 internistas e 2 xeriatras abandonaron o Hospital da Mariña e, a día de hoxe, temos 5 internistas sen cubrir (unha a media xornada) e das dúas xeriatras nada se sabe".

A CIG-Saúde apunta á dirección do Hospital da Mariña, o xerente da área sanitaria e o propio conselleiro de Sanidade como responsábeis do "abandono absoluto" no que se atopa o centro e a "demoledora situación" da sanidade pública na comarca. "Non admitimos que estes xestores nos digan que “se a CIG sabe onde hai médicos que nolo digan” xa que son estes dirixentes os que cobran, e non pouco, por dotar do persoal necesario ao centro hospitalario. E tampouco admitimos que “esto non ten solución porque non hai médicos” xa que profesionais si que os hai", asevera a representación da CIG.

Con respecto a esta última cuestión matizan que o persoal sanitario fuxe cara outros hospitais nos que se lles ofertan unhas condicións laborais máis atractivas, fartos e fartas de sufrir unha sobrecarga de traballo continuada "e perder toda esperanza de que a situación mude dada á ineficacia das direccións da Mariña e de Lugo".  Este é o motivo, sentenzan "de que 6 facultativas internistas e 2 xeriatras deixasen o Hospital da Mariña nos últimos meses".

CIG-Saúde volve cuestionar “onde están os máis e mellores servizos que falsamente nos venderon. Este é o froito das políticas sanitarias do Partido Popular polas cales nos atopamos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, máis listas de agarda e a imposibilidade de garantir una sanidade equitativa, digna e de proximidade a todas e todos os que vivimos na Mariña".