A falta de decisións da Consellaría mantén nunha total incerteza ao persoal do transporte non subrogado
Este martes tiveron lugar as conciliacións previas polo proceso frustrado de subrogación entre as empresas Arriva Noroeste e a UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez -compañía que actualmente se encarga de liña “A Mariña-Viveiro-Ribadeo, con anexos” e que se negou a asumir a totalidade do persoal subrogábel para este servizo-.
As demandas presentadas -relativas ao persoal asesorado pola CIG- requirían das empresas a execución da subrogación ou as garantías de indemnización correspondentes polos incumprimentos. En ambos supostos, explica Christian López, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, "as empresas opuxéronse ás pretensións dos traballadores, que piden a inmediata subrogación". Ademais, Arriva Noroeste engadiu a falta de lexitimación, xa que considera que lle corresponde en exclusiva a obriga da subrogación á UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez.
Diante desta tesitura, sinala López, non fica outra, no plano xudicial, para os traballadores, que proseguiren nas demandas, "sen que até o de agora a Xunta teña avanzado máis nada respecto dos anteriores compromisos da Comisión de Seguimento do Plan de Transporte", lamenta.
Neste senso, apunta á diverxencia entre as boas formas e as palabras da conselleira de Infraestruturas, no que atinxe á garantía dos postos de traballo, "e os feitos", pois os traballadores "atópanse totalmente abandonados pola propia blindaxe que se lles estableceu no conflito da folga de viaxeiros, no tocante ás subrogacións, e pola falta de toma de decisión do organismo directamente competente en facer cumprir as obrigas patronais coa totalidade do persoal afectado".
Os traballadores lamentan esta situación e agardan a evolución da Comisión de Seguimento, "resignados a que o proceso de subrogación por esta vía pode mantelos nesta situación de indefinición permanente ao non seren capaces de avanzar solucións firmes nin obrigarse a Consellería no cumprimento dos acordos, feitos ambos lamentábeis".