
Falta de coordinación das xerencias do CHUP e do 061 aumenta o tempo de resposta das ambulancias

Os técnicos/as de emerxencias sanitarias (TES) da FGAMT-CIG denuncian o que a falta de coordinación entre as xerencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 está a provocar un aumento dos tempos de resposta das ambulancias. En consecuencia, reclaman o establecemento dun protocolo que limite a inoperatividade dos vehículos para garantir unha atención máis áxil e eficiente.

Dende o colectivo lembran que abordaron esta problemática na xuntanza mantida cos responsábeis do CHUP e do 061 o pasado 13 de agosto do 2024, na que alertaron do risco de manter o actual sistema de coordinación e xestión dos recursos. “Uns recursos de emerxencias que son limitados, aínda máis no caso da área Pontevedra-Salnés, tendo en conta a dispersión e dimensión da poboación”.
Nesa xuntanza ambas as dúas direccións recoñeceron que as ambulancias permanecían inoperativas durante longos períodos de tempo debido a que os hospitais do Salnés e Montecelo carecen dunha zona de intercambio de doentes que evite que os TES teñan que agardar xunto aos pacientes.
“Mais non fixeron nada de nada, simplemente se limitaron a trasladarse as responsabilidades dunha dirección a outra, polo que todo continúa igual”. Coa diferencia de que agora, en plena campaña de gripe, as inoperatividades das Unidades de Soporte Vital Básico (USVB ) son moito máis prolongadas, chegando a superar a hora de espera na porta destes hospitais.
“Isto provoca unha atraso na asistencia, algo moi perigoso tendo en conta a gran cantidade de patoloxías tempo dependentes (ictus, infartos ou accidentes de tráfico) que atenden estas unidades”.
Xuntanza urxente
Outra problemática que padecen as USVB ten que ver cos cada vez maiores dificultades para circular nas inmediacións do hospital do Salnés, onde os vehículos mal estacionados non permiten manobrar para acceder a urxencias ou para saír a atender unha emerxencia.
Por todo isto, os TES solicitarán manter unha reunión urxente cos responsábeis dos centros sanitarios e co Concello de Vilanova (en cuxos terreos se atopa o hospital do Salnés) para reclamar a aplicación dun protocolo que remate con estes longos períodos de inoperatividade das ambulancias “co obxectivo de que poidan estar o maior tempo posíbel dispoñíbeis para atender emerxencias vitais”.