A falsa saída dos baixos salarios

Manuel Mera - 03 Ago 2020

Menos salario vai unido a menos ocupación, temporalidade e xornadas extenuantes, polo que pouco ten que ver coa creación de emprego. Este tipo de condicións laborais son as que se impoñen en sectores e empresas carentes de iniciativa e parasitarias. Cando a caída dos salarios ten un carácter global é co obxectivo de aumentar a explotación da clase traballadora

 A medida que avanzan os efectos da pandemia, no ámbito económico e laboral, sectores da patronal e os partidos de dereita, que no seu día viron con bos ollos as axudas e os grandes empréstimos que se puxeron ao servizo das empresas co aval do Estado, así como os ERTE que evitaban os custos dos despedimentos, comezan agora unha campaña a prol de reducir os salarios, coa escusa de salvar os empregos, e así aproveitar a crise para obter aumentos estratéxicos na taxa de lucro. Evidentemente obvian que unha rebaixa dos salarios reduciría aínda máis o consumo, máxime nunha conxuntura na que se está a producir unha caída das exportacións, do turismo e investimento exterior. Un retroceso que durará meses, e moito máis tempo o ligado a cruceiros e a destinos turísticos máis afastados (volverá algunha vez ás cifras anteriores?...).

 Tampouco se pode ignorar, cando se avalía a situación económica das empresas, que non todas se viron atinxidas polo peche do confinamento, os ERTE só abrangueron un 30% da poboación ocupada. Houbo sectores enteiros que mantiveron a actividade e que mesmo aumentaron vendas e cadro de persoal (sanidade, alimentación, bombeiros, limpeza, ocio e información dixital, etc.). Así mesmo, hai que ter en consideración que o nacemento e peche de empresas é consubstancial co capitalismo, no ano 2019 desapareceron un 4% de empresas no noso país, e creáronse outras tantas. É verdade que este ano se prevé que por mor da covid-19 as que desaparezan atinxan o 12%. Agora ben, o factor fundamental do seu peche non serán os salarios, senón cuestións máis estruturais: falta de mercado, carencia de capital, competencia exterior (tamén no comercio, pola dixitalización das vendas, e unha fiscalidade que favorece as transnacionais), etc.

 Ademais débese ter en consideración que de 2009 a 2017, último ano do que temos datos, os salarios pasaron do 46,4% do PIB ao 43,8%, a taxa de asalariados en ambos os anos en relación ás persoas ocupadas a tempo completo era similar, sobre un 80%. O retroceso dos salarios medios é evidente, tanto pola crise, como polas medidas que dende o Goberno se tomaron para debilitar a loita sindical: reformas laborais, Lei Mordaza, artigo 315.3 do Código Penal. A esta tendencia xeral regresiva debemos engadir que asemade medrou a desigualdade de ingresos entre as persoas asalariadas. Concretamente no ano 2009 o 15,1% gañaba máis de 3,5 SMI mentres que no ano 2018 esta porcentaxe se reduciu ao 11%, o que amosa como medrou a base da pirámide, o que evidencia o aumento da precarización, así como o maior papel subalterno na cadea de valor das empresas estratéxicas na Galiza, na súa maior parte en mans de capital foráneo.

 A rebaixa dos salarios para manter o tecido empresarial nunca deu resultado, mesmo nun mercado tan aberto. O noso país é un exemplo, tendo unha media salarial moito máis baixa que Cataluña, País Vasco e Madrid, cada vez temos un tecido produtivo menos diverso e cun carácter máis subalterno, e descende a poboación ocupada. É así porque se utiliza para substituír a investigación, tecnoloxía e iniciativa para manter un proxecto de desenvolvemento en función das necesidades do pobo galego. Daquela que o gasto en formación non reverta máis que parcialmente na actividade económica e que se convertese nun ben de exportación, sen custo para os países receptores.

 A rebaixa de salarios pode salvar aparentemente, e en casos moi concretos algunha empresa momentaneamente, porén como medida cun carácter xeral frea o desenvolvemento en todos os ámbitos, ao desalentar o investimento en innovación, tecnoloxía e calidade, e reducir o consumo das familias. Ademais afecta especialmente á pequena e mediana empresa ligada ao país. Menos salario vai unido a menos ocupación, temporalidade e xornadas extenuantes, polo que pouco ten que ver coa creación de emprego. Este tipo de condicións laborais son as que se impoñen en sectores e empresas carentes de iniciativa e parasitarias. Cando a caída dos salarios ten un carácter global é co obxectivo de aumentar a explotación da clase traballadora, como parte do proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder, en beneficio do gran capital.

 

[Artigo tirado do sitio web Nós Diario, do 2 de agosto de 2020]