A Executiva Confederal da CIG apoia, de forma decidida, a folga do Metal de Ourense
A Executiva Confederal da CIG reunida este martes, día 11 de outubro, acordou manifestar a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras do sector do siderometal da provincia de Ourense, con cuxa loita “están a dar un enorme exemplo de dignidade”. Do mesmo xeito, condena os intentos de criminalizar esta folga e ao compañeiro Indalecio Gómez, secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense.
A Executiva Confederal traslada ademais ás traballadoras e traballadores do sector a súa aposta decidida pola folga na provincia de Ourense como ferramenta para conseguir un convenio digno. Fai, por iso, un chamamento a participar nos piquetes e nas mobilizacións que se convoquen en apoio á súa xusta loita.
Así mesmo, a Executiva Confederal informa do acordo adoptado para activar a Caixa de Resistencia como ferramenta de solidariedade de clase que ten como obxectivo facilitar o seguimento da folga e que as traballadoras e traballadores poidan manter o pulso á patronal.