A escravitude (asalariada) contemporánea
O Estado de benestar terminou máis ou menos abruptamente coa caída da taxa de ganancia capitalista e a conseguinte caída dos salarios reais. Para dar un novo impulso á economía capitalista e reverter a tendencia decrecente da taxa de beneficios, comezou a xeneralizarse a aplicación da nova tecnoloxía (robótica, electrónica, informática) á industria e aos servizos
Un enfoque, entre outros, para tratar de entender a traxedia brasileira
É un enfoque parcial porque a explicación de fondo -que require unha análise exhaustiva- hai que a buscar no fracaso do petismo, unha variedade do colapso dos gobernos chamados progresistas de América Latina, que intentan disimular os seus opinólogos apoloxistas con argumentos falaces. Ao que se suma a incapacidade política e ideolóxica da esquerda para propoñer e impulsar unha alternativa superadora.
O taylorismo ou “organización científica do traballo” e a súa aplicación na práctica, o fordismo, baseouse na idea de facer do traballador un mecanismo máis na cadea de montaxe: o obreiro, en lugar de se desprazar para realizar a súa tarefa fica no seu sitio e a tarefa chega a el na cadea de montaxe. A velocidade desta última imponlle inexorabelmente ao traballador o ritmo de traballo.
O primeiro en aplicalo na práctica foi Henry Ford, a principios do século XX, para a fabricación do famoso Ford T. Este traballo embrutecedor esgotaba os obreiros, moitos dos cales optaban por deixalo. Ante unha taxa de rotación do persoal sumamente elevada Ford atopou a solución: aumentar verticalmente os salarios a 5 dólares por día, cousa que puido facer sen diminuír os beneficios dado o enorme aumento da produtividade e o pronunciado descenso do custo de produción que resultou da introdución do traballo en cadea. Os novos salarios nas fábricas de Ford permitiron aos seus traballadores convertérense en consumidores, mesmo dos coches fabricados por eles.
Os traballadores, que non se sentían para nada interesados por un traballo repetitivo que non deixaba lugar a iniciativa algunha do seu parte, recuperaban fóra do traballo a súa condición humana (ou crían recuperala) como consumidores, grazas aos salarios relativamente altos que percibían.
Esta situación xeneralizouse nos países máis industrializados sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial e de xeito moi circunscrito e temporal nalgúns países periféricos(1). É o que se chamou “o Estado de benestar”. “O Estado de benestar non é, como se adoita dicir con frecuencia, un Estado que enche as fendas do sistema capitalista ou que cicatriza a forza de prestacións sociais as feridas que inflixe o sistema. O Estado de benestar fíxase como imperativo manter unha taxa de crecemento, calquera sexa, sempre que sexa positiva e de distribuír compensacións co fin de asegurar sempre un contrapeso á relación salarial”(2).
É polo tanto certo que o “Estado de benestar” influíu fondamente na conciencia dos traballadores. Lars Svendsen escribe: [os traballadores] “… acabaron por aceptar a relación salarial e a división do traballo resultante. Contrariamente ao que esperaba o marxismo revolucionario, deixaron de cuestionar o paradigma capitalista, contentándose coa ambición máis modesta de mellorar a súa condición no interior do sistema. Iso significaba tamén que a súa esperanza de liberdade e de realización persoal radicaba no seu papel de consumidores. O seu obxectivo principal pasaba a ser o aumento dos seus salarios para poder consumir máis”(3).
O Estado de benestar terminou máis ou menos abruptamente coa caída da taxa de ganancia capitalista e a conseguinte caída dos salarios reais. Para dar un novo impulso á economía capitalista e reverter a tendencia decrecente da taxa de beneficios, comezou a xeneralizarse a aplicación da nova tecnoloxía (robótica, electrónica, informática) á industria e aos servizos(4). De xeito que a nova tecnoloxía, a organización “científica” do traballo e o conseguinte aumento da intensidade do traballo, aínda manténdose o mesmo horario de traballo, incrementa o beneficio capitalista como plusvalía relativa (menos traballo necesario e máis traballo excedente).
E se aumenta a xornada laboral tamén aumenta o beneficio capitalista (plusvalía absoluta como a que o capitalista obtén durante a xornada normal de traballo) aínda que se manteña a mesma proporción entre traballo necesario e traballo excedente. Véxase Marx, O Capital, Libro I, sección 5, Cap. XIV (Plusvalía absoluta e plusvalía relativa).
A introdución das novas tecnoloxías requiría outra forma de participación dos traballadores na produción, que xa non se podía reducir á de simples autómatas. Había que modificar-perfeccionar o sistema de explotación, pois as novas técnicas, entre elas a informática, requirían distintos niveis de formación e de coñecementos, o que conduciu a que comezasen a esvaerse as fronteiras entre o traballo manual e intelectual.
É así como nace o “management” nas súas distintas variantes, todas tendentes esencialmente a que os asalariados se sintan partícipes -xunto cos patróns- nun esforzo común para o benestar de todos.
Isto non implica a desaparición do fordismo, que segue vixente para as tarefas que non requiren cualificación e subsiste esencialmente na nova concepción da empresa: o control do persoal -unha das pedras angulares da explotación capitalista- que se realiza fisicamente na cadea fordista de produción, continúa “acentuado” na era posfordista por outros medios. “Grazas ás tecnoloxías informáticas -escribe Lars Svendsen- a dirección pode vixiar o que os seus empregados fan no curso da xornada e cal é o seu rendemento”(5).
O novo “management” apunta á psicoloxía do persoal. Os directores de persoal (ou Directores de Recursos Humanos) falan e falan acerca da “creatividade” e do “espírito de equipo”, da “realización persoal polo traballo”, de que o traballo pode -e debe- resultar entretido, (“work is fun”), etc., e publícanse manuais sobre os mesmos temas. Mesmo se contratan “funsultants” ou “funcilitators” para que introduzan na mente dos traballadores a idea de que o traballo é entretido, de que é como un xogo (“gamification” -do inglés game- do traballo)(6).
Se se pregunta aos asalariados se están satisfeitos no seu traballo moitos responderán que si, que se non traballasen a súa vida carecería de sentido. E isto vale memso para quen realiza as tarefas máis simples.
Na cadea fordista a empresa apodérase do corpo do traballador, co novo “management” apodérase do seu espírito. Escribe Svendsen: “As motivacións e os obxectivos do empregado e da organización presúmese que están en perfecta harmonía: O novo management penetra na alma de cada empregado. En lugar de lle impoñer unha disciplina desde o exterior, motívao desde o interior”.
Hans Magnus Enzensberger, poeta e ensaísta alemán, escribiu no decenio de 1960: “A explotación material débese agochar tras a explotación non material e obter por novos medios o consenso dos individuos. A acumulación do poder político serve como pantalla da acumulación das riquezas. Xa non só se apodera da capacidade de traballo, senón da capacidade de xulgar e de se pronunciar. Non se suprime a explotación, senón a conciencia desta”(7).
A meirande parte do beneficio resultante do aumento da produtividade engrosa a renda capitalista e unha mínima parte incorpórase ao salario, aínda que non sempre. É así como unha constante do sistema capitalista é a profundación da desigualdade na distribución do produto.
E do mesmo xeito, o tempo social liberado polo aumento da produtividade distribúese desigualmente: o tempo que dedican ao traballo os asalariados non diminúe, nin aproximadamente, na mesma proporción en que aumenta a produtividade.
Co management procúrase que o traballador de “colo branco”, que é -ou tende a ser- maioritario nas países máis industrializados, centre a súa vida como persoa no seo da empresa e encha o seu tempo “libre” fóra e dela -orientado pola moda e a publicidade- como consumidor de obxectos necesarios e innecesarios(8) e de distinto tipo de entretementos alienantes, como espectador de deportes mercantilizados, de series televisivas, como adicto a xogos electrónicos (verdadeiro flaxelo contemporáneo), etc., na medida que llo permiten os seus ingresos reais e os créditos que poida obter (e que, en tempos de crises, non pode reembolsar).
Dito doutro xeito, o sistema capitalista no seu estado actual tenta superar as súas contradicións insolúbeis inherentes á apropiación polos donos dos instrumentos e medios de produción e de cambio de boa parte do traballo humano social apoderándose da maior parte do crecente tempo libre social (distribución desigual do tempo libre social gañado co aumento da produtividade) para “poñer plustraballo”, como escribe Marx nos Elementos fundamentais para a crítica da economía política (Grundrisse) e apoderándose tamén do escaso tempo libre particular que lle queda a quen traballa, mercantilizándoo como obxecto de consumo.
De xeito que pode dicirse que a escravitude asalariada propia do capitalismo, que puido entenderse limitada só á xornada laboral, agora esténdese a TODO O TEMPO da vida dos asalariados. Dalgún xeito, desapareceu a diferenza entre a escravitude como sistema prevalecente na antigüidade (o escravo ao servizo do amo de xeito permanente) e a escravitude asalariada moderna.
Iso é así porque a concentración oligopólica dos medios de comunicación de masas (incluída a comunicación electrónica) e dos produtos de lecer de masas (series televisivas, música popular, parques de diversións, xogos de vídeo, filmes, etc.) está no seu apoxeo.
Grandes empresas teñen o control mundial case total deses produtos, mediante os cales ditan aos seres humanos como deben pensar, que deben consumir, como deben utilizar o seu tempo de lecer, cales deben ser as súas aspiracións, etc. Son o instrumento destinado a manter e consolidar a hexemonía da ideoloxía e a cultura do sistema capitalista e formidábeis instrumentos para a neutralización do espírito crítico, a domesticación e a degradación intelectual, ética e estética do ser humano. Uniformizan a escala planetaria os reflexos e comportamentos do ser humano, destruíndo a orixinalidade e riqueza da cultura de cada pobo. Son os vectores da ideoloxía do sistema dominante, que filtran a información e que tinguen a información xa filtrada desa mesma ideoloxía en función dos seus intereses particulares.
Serven de plataforma privilexiada a xornalistas obsecuentes, politólogos, sociólogos, economistas, filósofos mediáticos e outros “formadores de opinión” xustificadores do sistema e do TINA -There Is Non Alternative- formulado no seu momento por Margaret Thatcher e actualizado agora pola directora xeral do Fondo Monetario Internacional, Christine Lagarde: “Non hai alternativa á austeridade” (xornal Le Monde e AFP, 2 de maio de 2013).
Os consorcios transnacionais chegan cos seus produtos (informativos e outros) a centenares de millóns de persoas e son os verdadeiros formadores (máis ben deformadores) da opinión pública.
As técnicas para manter a hexemonía da ideoloxía capitalista adquiriron xerarquía científica. Os mecanismos de manipulación mental son obxecto de traballos académicos e de seminarios internacionais.
Na Universidade de Stanford, California, funciona un Laboratorio de Tecnoloxía Persuasiva que dirixe B. J Fogg, quen escribiu un libro cun título que o di todo: Tecnoloxía Persuasiva: utilizar as computadoras para cambiar o que pensamos e o que facemos (tecnoloxías interactivas [Persuasive Technology: Using Computers to Change What We Think and Do (Interactive Technologies)]. Tamén se chama a esta disciplina captoloxía.
Do 6 ao 8 de xuño de 2012 celebrouse en Linköping (Suecia) o “VII Congreso internacional sobre tecnoloxía persuasiva”. Na convocatoria ao Congreso explicábase que “a tecnoloxía persuasiva é un campo científico interdisciplinario que estuda o deseño de tecnoloxías e servizos interactivos para cambiar a actitude e o comportamento das persoas. Nel conflúen ámbitos como a retórica clásica, a psicoloxía social e a computación ubicua (9) e os seus especialistas adoitan dedicarse ao deseño de aplicacións en dominios como o sanitario, empresarial, de seguridade e educativo. O congreso contará coa información máis actual sobre como deseñar aplicacións móbiles e baseadas en Internet, por exemplo xogos móbiles e sitios dedicados ás redes sociais, para influír en comportamentos, pensamentos e sentimentos”. Outras reunións e conferencias similares adóitanse celebrar en distintas partes do mundo.
Alain Accardo resume ben isto cando escribe: “De feito, todas as prácticas sociais nas que tomamos parte teñen efectos pedagóxicos implícitos e contribúen, pouco ou moito, a plier la machine en nós, nun sentido o máis frecuentemente, aínda que non sempre, conforme coas necesidades do sistema”.
A expresión plierla machine, literalmente “pregar a máquina”, fai alusión á idea cartesiana retomada por Pascal de que o ser humano é por unha banda espírito e corporalmente unha máquina, un autómata. Literariamente poderíase traducir no sentido de que o Poder pon á xente de xeonllos para levalos a que crean o que o Poder quere que crean(10).
Accardo refírese a continuación aos tres dispositivos de domesticación integrados no sistema capitalista que considera esenciais: 1) o sistema escolar e universitario, 2) o sistema mediático de información-comunicación, e 3) o sistema político de democracia representativa.
____________________________________________________________________________
Notas:
(1) Como foi o caso de Arxentina nos anos 1945-50 que describe en termos moi duros Ezequiel Martínez Estrada no capítulo “Industrialización de la servidumbre” do seu libro ¿Qué es esto? Catilinarias.
(2) Dominique Meda, Le travail, une valeur en voie de disparition. Ed. Aubier, París, 1995, páx. 135.
(3) Lars Svendsen, Le travail. Gagner sa vie, à quel prix? Editions Autrement, París, setembro 2013, páx. 140.
(4) “… En toda a historia do capitalismo, desde a gran revolución industrial de fin do século XVIII até os nosos días, o sistema económico desenvolveuse por movementos sucesivos de investimentos e de innovacións tecnolóxicas. Eses movementos parecen principalmente vinculados ás dificultades inherentes ao proceso de acumulación do capital: este, nun momento dado, trábase e todo se cuestiona: a regulación, os salarios, a produtividade. A innovación tecnolóxica é un xeito de saír da crise, pero non vén soa: esta afecta directamente, ás veces o nivel do emprego, sempre a organización do traballo e o control exercido polos traballadores sobre o seu oficio e sobre os seus instrumentos de traballo e polas súas organizacións sobre o nivel dos salarios, sobre a disciplina no traballo e a seguridade laboral…”. Alfred Dubuc, Quelle nouvelle révolution industrielle? en: Le plein emploi à l’aube da nouvelle révolution industrielle. Publicación da Escola de Relacións Industriais da Universidade de Montreal, 1982. https://papyrus.bib.umontreal.ca/jspui/handle/1866/1772
(5) Un estudo detallado da organización do traballo nas empresas que incorporaron a robótica pódese atopar en Benjamín Coriat, L’atelier et le robot. Essai sur le fordisme et la production de masse à l’age de l’électronique. Edicións Christian Bourgois, Francia. 1990. Sobre o mesmo tema: de Michel Freyssinet, Trabajo, automatización y modelos productivos. Grupo Editorial Lumen, Arxentina 2002.
(6) Véxase, no sitio http://www.changeisfun.com/about/leslie.html, a exemplar biografía e bibliografía de Leslie Yerkes, presidenta de Catalyst. A súa biografía comeza así: “A especialidade de Leslie está axudando ás organizacións a converteren os retos en oportunidades. A súa filosofía é simple: A xente é basicamente boa, ben intencionada, valente e capaz de aprender, e o traballo de Leslie consiste en proporcionar un marco no que a xente pode recorrer aos seus propios recursos internos para atopar solucións creativas”.
(7) Hans Magnus Enzensberger, Culture ou mise en condition? Collection 10/18, París 1973, páxs. 18-19.
(8) É o chamado efecto de demostración ou de imitación, que no plano económico foi formulado por James Stemble Duesenberry quen se refire á tendencia dos membros dun grupo social a imitar os comportamentos de consumo da capa de maiores ingresos dese mesmo grupo ou da capa inmediatamente superior para tratar de identificarse con estes últimos (Duesenberry, James, Income, Saving and the Theory of Consumption Behaviour. Harvard University Press, 1949). A moda e as marcas promoven ese efecto. Nun plano máis xeral, chámase tamén efecto de demostración ou de imitación ao feito de que as clases populares (polo menos unha boa parte delas) tenden a imitar os modos de pensar e os comportamentos das elites dirixentes. Mesmo, en non poucos casos, tentan copiar os comportamentos delituosos das elites (todos rouban, eu tamén), coa crenza de que, como aquelas, se beneficiarán de impunidade.
(9) Computación ubicua ou “intelixencia ambiental” é a integración da informática na contorna das persoas, de forma que os ordenadores non se perciban como obxectos diferenciados. A persoa interactúa de xeito natural cos dispositivos informáticos e sistemas computacionais que á súa vez interactúan entre si e pode realizar calquera tarefa diaria a través dos devanditos dispositivos (prender as luces, poñer en marcha a calefacción, o forno da cociña ou o televisor, prender e apagar o ordenador no lugar de traballo, etc., desde cerca ou a distancia). Estes dispositivos poden ter unha utilidade práctica (como o que impide poñer en marcha o automóbil se o condutor non axustou o seu cinto de seguridade, o que induce un comportamento positivo) pero por unha banda tenden a converter o ser humano nun robot máis e polo outra permiten controlar a distancia todas as actividades, aínda as máis rutineiras, das persoas.
10 Alain Accardo, Notre servitude involontaire, Edit. Agone, Francia, 2001, páx. 50 e ss.
____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 24 de outubro de 2018]