A escaseza de persoal deixa sen efectivos o parque de bombeiros do Carballiño-O Ribeiro
O parque de bombeiros do Carballiño-O Ribeiro, dependente do Consorcio da Deputación de Ourense, atópase hoxe sen ningún efectivo xa que o único traballador que se atopaba de servizo viuse obrigado a coller unha baixa. A CIG ten denunciado diante da Inspección de Traballo os incumprimentos de convenio en saúde e seguridade laboral, xa que a escaseza de persoal compromete a integridade dos traballadores/as.
Dende a central sindical lembran que o número mínimo de efectivos por quenda ten que ser de tres (un cabo e dous bombeiros), mais hai tempo que o habitual é que haxa unicamente dúas persoas para cubrir o servizo. “Isto pon en risco a seguridade do persoal á hora de levar a cabo unha intervención, xa que en caso de incendio, por exemplo, se un efectivo se encarga da motobomba o outro ten que facerlle fronte ao lume en solitario”.
En consecuencia, a CIG denunciou publicamente o que está a acontecer no servizo e trasladoulle á Inspección de Traballo os incumprimentos do convenio colectivo en materia de saúde e seguridade laboral. “Pero lonxe de terse solucionado esta falta de persoal, hoxe atopámonos con que o parque do Carballiño-O Ribeiro atópase sen ningún efectivo dispoñíbel, porque o único bombeiro que estaba de servizo tivo que coller unha baixa médica”.
Mais o Consorcio, en lugar informar sobre a situación segue sen comunicar se vai manter aberto o parque ou pola contra optará por pechalo, “como ten feito noutras ocasións con instalacións nas que se atoparon co mesmo problema”.