A EPA confirma un descenso estival do paro a custo do avance da precariedade entre as mulleres
Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre amosan as cifras habituais dos períodos estivais: aumento da poboación activa (+1,3%); da poboación ocupada (2,1%) e descenso da parada (-6,1%). A taxa de paro situouse así, no 8,8%. Porén, para a CIG confirman, ademais, o avance da precariedade, sobre todo entre as mulleres, e o esgotamento da contratación indefinida, que pasou a ser residual, medrando a temporalidade en dous puntos porcentuais neste período.
O secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, considera que isto é consecuencia da aplicación, xa de forma plena, da Reforma Laboral 2021. “Vemos como, unha vez que os postos de traballo indefinidos chegaron a un punto, xa non van máis alá”.
Apunta que son as modalidades de contratación máis precarias, que se fomentaron con esa reforma, “as que cobren as alzas e as que asumen as baixas do mercado laboral”. Salienta que neste caso, estaríamos nun período de alza, porque se corresponde co período estival, pero só no sector servizos e no sector industrial e, ademais, cun evidente “nesgo de xénero, que ten que ver, xustamente, co abuso da precariedade”.
Respecto do sector industrial, sinala que é un sector masculinizado e que, neste caso, “son as persoas novas, homes, quen sofren esta precariedade”. Porén, no caso do sector servizos, nas actividades que teñen que ver coa hostalaría, subliña que “son sectores feminizados” e que “son as compañeiras as que padecen tamén esta precariedade”.
Unha precariedade que atribúe ao fomento das novas modalidades de contratación e por diferentes tipos de empresas: empresas multiservizos, ETTs, ou outro tipo de formas de explotación laboral, que é como considera que se está creando emprego.
Valoración crítica e negativa
Francisco González Sío fai, polo tanto, una valoración “moi crítica e negativa” dos datos da EPA que considera que, ao igual que os do paro rexistrado, “semella que son bos a nivel macro”, pero que teñen que ver con aumento da precariedade. “Cun mercado laboral que cada vez fomenta máis a parcialidade no traballo, os baixos salarios e a pobreza laboral”.
Entende que, por iso, hai cada vez máis protesta social, “porque para as persoas novas cada vez é máis complicado emanciparse e porque o capital cada vez especula máis con diferentes tipos de bens”.
Neste sentido, denuncia o constante incremento do peso das rendas do capital no PIB, fronte a unha cada vez maior caída do peso das rendas do traballo, “resultado das políticas do goberno que “lonxe de querelas parar, pretende afondalas e vender mediante a campaña de propaganda permanente na que está instalado”. Por iso conclúe que “neste proceso de desvalorización do traballo medra a pobreza laboral e a clase traballadora ten máis difícil acceder a unhas condicións de vida e de traballo dignas”.
Os datos máis polo miúdo
Afondando nas distintas variables, non se perciben, de feito, melloras substanciais na situación laboral en Galiza. No que atinxe á poboación activa, máis dun terzo das novas persoas en activo teñen entre 20 e 24 anos e, máis do 72% son mulleres, é dicir medraron as activas entre a poboación máis precaria e con carácter temporal.
No que atinxe á poboación ocupada, que aumentou un 2,1%, con respecto ao II Trimestre, son mulleres maioritariamente as que atoparon un novo emprego neste período, representando, concretamente, o 72% das novas persoas ocupadas, que atoparon emprego, ademais, no sector Servizos. Desta volta produciuse tamén un incremento da ocupación na industria manufactureira, neste caso masculina.