A EOXI de Vigo non avaliou o risco psicosocial real en Atención Primaria
A CIG-Saúde denuncia que a EOXI de Vigo non avaliou o risco psicosocial real en Atención Primaria e demanda a posta en marcha dunha verdadeira avaliación destes riscos así como que se tomen as medidas oportunas para a súa corrección.
Unha vez coñecida a avaliación realizada ao Centro de Saúde Pintor Colmeiro, CIG-Saúde presentou un escrito, o pasado 9 de agosto, dirixido á Unidade de Prevención de Riscos Laborais da EOXI de Vigo e á Xerencia da EOXI, no que se denunciaba o incumprimento da Lei de prevención de riscos laborais, por non ter feito unha avaliación dos riscos reais aos que están sometidos as e os profesionais da Atención Primaria.
É responsabilidade da Xerencia da EOXI proporcionar os mecanismos necesarios para que o seu persoal poida traballar con seguridade, comodidade e calidade minimizando os riscos"
No escrito, (que se pode consultar no arquivo adxunto) a CIG-Saúde recolle o marco legal que obriga a avaliar este tipo de risco e describe os aspectos que non foron tidos en conta na avaliación presentada pola Xerencia da EOXI de Vigo. Considera que coa avaliación feita non se está a cumprir a lei, polo que reclama a realización dunha verdadeira avaliación que contemple os riscos reais e que se poñan en marcha as medidas correctoras.
"É responsabilidade da Xerencia da EOXI de Vigo proporcionar os mecanismos necesarios para que os seus traballadores e traballadoras (médicas/os de familia, pediatras, enfermeiras/os, PSXs, TCAEs, fisios, odontólogas/os, hixienistas, farmacéuticas/os, traballadoras/es sociais, matronas, celadoras, etc.) poidan traballar con seguridade, comodidade e calidade minimizando os riscos para elas e eles e tamén para a cidadanía", aseveran.
Minusvaloración da "carga mental"
Entre as deficiencias da avaliación, dende CIG-Saúde destacan a minusvaloración do factor "carga mental" xa que, sinalan, o método utilizado é incapaz de avaliar a situación actual da Atención Primaria , "especialmente no que afecta ás e aos profesionais da medicina de familia e pediatras".
Neste senso, denuncian que a Administración Sanitaria incumpre reiteradamente as recomendacións das sociedades científicas nesta materia, ao establecer axendas "que comezan cun número de pacientes moi superior ao recomendando e que rematan moito peor, e evita tomar medidas que favorezan a relación de Atención Primaria coa Hospitalaria, en beneficio das e dos profesionais dos dous ámbitos.
Así, no seu escrito, a CIG-Saúde lembra que no funcionamento diario cada profesional da EOXI de Vigo dispón dunha axenda de cita previa que oscila entre os 30 e 40 ou máis ocos de cita, aínda que o número de pacientes citados ao final da consulta sempre excede ao dos ocos programados por ter que atender tamén "incidencias". Ao que hai que sumar as visitas domiciliarias, que se realizan unha vez finalizada a consulta.
Para a CIG-Saúde isto explica a saturación laboral que padecen os e as profesionais da Atención Primaria e condiciona a súa "carga mental", polo que, non avaliar estes factores "non permite coñecer os factores de risco reais e as medidas preventivas que se tomen non incidirán nese incremento de "carga mental".
"Os principais problemas que ocasionan a saturación laboral e a precariedade coa que se presta a asistencia sanitaria están a carrexar nas e nos facultativos, estrés, fatiga profesional, absentismo , burnout, denuncias por mala praxe, agresións, etc.", advirten dende a CIG-Saúde.