A EOXI de Ferrol quere escatimar de xeito ruín na limpeza do novo centro de saúde de Narón
O SERGAS ten previsto abrir un novo centro de saúde en Narón a finais deste mes ou comezos do seguinte, pero a Xerencia, malia a situación de pandemia mundial, pretende escatimar na limpeza das instalacións "dun xeito escandaloso e ruín".
A empresa concesionaria (LACERA Servicios y Mantenimiento SA) reuniuse coa Xerencia recomendándolle 160 horas semanais de limpeza para unha óptima cobertura do servizo, o que equivalería a algo máis de tres xornadas completas atendendo aos 4.312 metros cadrados de superficie do centro. Porén, denuncia Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, a Xerencia de Xestión Integrada alega que se trata dunha proposta esaxerada, propoñendo a cobertura do servizo con tan só 98 horas semanais.
A realidade, apunta, é que existen centros cun ratio de limpeza máis elevado, como pode ser o caso do Centro de Saúde Fontenla Maristany (Ferrol) onde se prestan servizos de limpeza por un total de 300 horas semanais (146 horas por parte de traballadoras de LACERA e 154 horas prestadas por persoal de limpeza a cargo do SERGAS), para un centro que ten unha superficie de 4.500 metros cadrados. "E aínda así, matiza, non son horas suficientes para dar un servizo solvente e sen afogos".
Elevada carga de traballo
"Non se entende de ningún xeito a manifestación da Xerencia, máis aínda cando o motivo que alegan é que ao tratarse dun centro novo é máis fácil de limpar que se tivese máis anos, razoamento que non se pode calificar doutro xeito que non sexa absurdo", asevera Rodríguez.
Cómpre salientar que a elevada carga de traballo provocada pola Xerencia de Xestión Integrada "condena as traballadoras e traballadores a unha situación de grave risco en canto a seguridade e saúde no traballo se refire, abocando o persoal a unha situación de sobrecarga física e mental continua". Esta situación, subliña, xa se vén sufrindo noutros centros como consecuencia do recorte horario perpetrado por unha das anteriores concesionarias do servizo, "provocando que o persoal teña que realizar un sobreesforzo notábel cada día para cumprir coas tarefas encomendadas".
CIG-Servizos denuncia que, unha vez máis, "nos atopamos fronte unha administración pública máis preocupada por aforrar cartos e por publicitar o incremento de servizos sanitarios que por protexer eficazmente a cidadanía fronte á crise sanitaria existente, ou por asignar condicións laborais dignas para as persoas que traballan nas súas contratas, efecto claro do afondamento na deriva neoliberal na que a Xunta de Galiza leva xa demasiados anos inmersa".