A empresa Textil Lonia, o Concello do Pereiro e a Xunta seguen a vulnerar a lei a pesar do risco de incendio
Dende a CIG de Ourense denuncian que a pesar das tres resolucións firmes do Concello do Pereiro de Aguiar dando un prazo de 15 días para limpar a maleza das instalacións da empresa Sociedad Textil Lonia “a normativa en materia de prevención de incendios segue sen cumprirse”.
Critican que “mentres a Xunta lembra, día si e día tamén, que estamos en período de máximo risco, e que a veciñanza ten a obriga de limpar as franxas de seguridade (50 metros) ao redor das edificacións, estase a permitir que xestas, acacias, piñeiros, uces e todo tipo de mato e especies pirófitas sigan a medrar a escasos metros dun complexo de naves industriais no que traballan preto de 750 persoas e no que se estacionan uns 400 coches nunha extensa parcela na que hai unha única saída”.
Por iso alertan que no caso de se producir un foco incendiario no exterior ou proximidades da fábrica, “a propagación sería fulgurante e as consecuencias inimaxinábeis”. Ademais, inciden en que non se trata dunha problemática nova, xa que a CIG xa a ten denunciado en repetidas ocasións.
O 3 de xullo de 2018 a central comunícalle ao Concello do Pereiro o risco existente, que un mes despois emite a primeira resolución dando 15 días de prazo a Textil Lonia para que proceda á poda e limpeza da franxa de 50 metros. O 31 de agosto volve comunicarlle a situación, xa que todo sigue igual.
Estuda presentar denuncia
Até o 24 de outubro non se produce unha nova resolución establecendo outros 15 días de prazo para a realización dos traballos. Xa neste ano, o 27 de marzo a CIG pon os feitos en coñecemento da Consellería do Medio Rural, que dá novamente traslado ao Concello do Pereiro. E finalmente o 3 de xuño hai unha nova resolución do Concello, concedendo outros 15 días.
“Pero a día de hoxe todo segue igual, e se houbo algunha limpeza na parte de arriba das instalacións non foi por establecer a franxa de seguridade, senón porque se está a proceder ao desmonte dun espazo para a ampliación das naves industriais”, indican.
Polo tanto, dende a CIG esíxenlle á Xunta, ao Concello do Pereiro e a Textil Lonia que cumpran a lexislación e protexan a vida das persoas e as instalacións, “e facémolos responsábeis das consecuencias que se poderían dar no caso de incendio”. Ademais, adiantan que están a consultar cos servizos xurídicos da central “a posibilidade de poñer estes gravísimos feitos en coñecemento da xustiza, por se houbera que depurar responsabilidades”.