A firma ourensá Hispaplasti recúa e retíralle a sanción á delegada da CIG que reclamou usar o vestiario
A empresa ourensá Hispaplasti optou finalmente por retirarlle a sanción de tres días sen emprego e soldo á delegada da CIG que reclamou poder usar os vestiarios. A federación de Industria desenvolveu onte unha protesta solidaria diante dos xulgados nos que estaba previsto que se dirimise a demanda presentada pola afectada.
Segundo explican dende a CIG-Industria, a dirección de Hispaplasti puxo como escusa a pandemia para prohibirlle ao cadro de persoal (non así aos mandos da empresa) o uso dos vestiarios. “Unha medida clasista, non de prevención de riscos laborais, que os obrigou a iniciar unha loita para evitar que os traballadores/as se tivesen que cambiar na rúa ou nos seus coches”.
A empresa rematou por dar marcha atrás na súa decisión e tivo que permitir o uso das instalacións por parte de todo o persoal, “pero semella que a algún mando non lle gustou ter que recuar”. Neste contexto foi sancionada a delegada da CIG, “nun claro acto de represión sindical”, por reivindicar “algo tan normal e básico” como poder usar os vestiarios.
A CIG intentou en todo momento unha saída negociada ao conflito, pero como a compañía teimaba na sanción optou por presentar denuncia nos xulgados. Mais o xuízo previsto para onte non se chegou a celebrar porque a dirección accedeu a retirar a sanción e a reembolsar os tres días sen soldo.
Asemblea sobre o convenio do metal
Por outra banda, a CIG federación de Industria da CIG de Ourense celebrou onte unha asemblea de delegados/as sindicais e traballadores/as na que se aprobou tanto a plataforma como a comisión negociadora do convenio colectivo provincial do sector do metal.