A empresa Os Ventos continúa sen pagar as nóminas ao persoal do SAF de Miño
A CIG-Servizos de Ferrol denuncia publicamente a grave situación que está a padecer o cadro de persoal da empresa Os Ventos, despois de que a dirección continúe sen aboar as nóminas ás traballadoras e traballadores, deixando a numerosas familias nunha situación límite. A empresa ten pendente de abonar parte do soldo de abril e as liquidacións ás traballadoras do SAF de Miño, servizo do que foi apartada, e de forma habitual págalle con atraso ás traballadoras que prestan a axuda no fogar nos concellos de Fene, Cariño e Neda (nos que ten adxudicado o SAF).
A central sindical considera intolerábel que a empresa siga incumprindo coas súas obrigas salariais mentres o persoal realiza o seu traballo con total responsabilidade e dilixencia e mesmo tendo que adiantar cartos dos seus petos para poder atender o servizo. Hai que lembrar que o convenio colectivo de axuda no fogar estabelece como prazo máximo para abonar as nóminas o día 5 do mes seguinte, período que Os Ventos incumpre un mes tras outro.
A falta de pagamento está a provocar importantes dificultades económicas ás persoas afectadas, moitas delas con problemas para afrontar gastos básicos como alugueiros, hipotecas, recibos ou alimentación.
A situación máis grave no SAF de Miño
Especialmente grave é a situación que están a padecer as traballadoras do SAF do Concello de Miño, servizo do que esta empresa foi concesionaria até o pasado 4 de maio. Pero incluso despois de rematar a concesión continúan producíndose problemas nos pagamentos ao persoal afectado.
Até o punto de que os salarios son abonados unicamente tras a constante insistencia e intervención da asesora sindical da CIG, que tivo que reclamar de maneira reiterada o cumprimento das obrigas salariais da empresa. “Non foi até o día de onte, e tras moito insistir, que unha parte das compañeiras puideron cobrar e as que o fixeron só percibiron a metade do salario de abril e mal, tendo pendente aínda a liquidación pola subrogación”, denuncia Beatriz Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ferrol.
Cualifica de “absolutamente inadmisíbel” que as traballadoras e traballadores teñan que depender da presión sindical para cobrar as cantidades que lles corresponden, e critica a falta de seriedade demostrada pola empresa durante todo o período da concesión “e incluso unha vez finalizada esta”.
A este respecto, lamenta a postura do Concello de Miño neste conflito, xa que “non pode limitarse a actuar como mero espectador cando falamos de cartos públicos e dun servizo que depende directamente da súa responsabilidade política e administrativa”.
Fernández lembra que as traballadoras levan meses soportando atrasos e problemas nos pagamentos, tendo que asumir en primeira persoa as consecuencias dunha xestión empresarial irresponsábel, sen que o Goberno municipal exerza a presión necesaria para garantir que a empresa cumpra coas súas obrigas.