A empresa Ombuds Seguridade adebeda a nómina de xuño aos seus traballadores/as
A compañía de seguridade privada Ombuds, que hai pouco máis de un ano mercou a empresa Casesa Seguridade converténdose así na terceira empresa do sector a nivel estatal con 7.500 traballadores/as, ten pendente de pagarlle a todo o seu persoal as nóminas de xuño. En Galiza esta mercantil conta cuns 150 traballadores e traballadoras que prestan servizo en Correos, a Axencia Tributaria, establecementos Carrefour, centros comerciais, etc.
O responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, alerta que esta situación era previsíbel dende hai tempo, xa que os atrasos nos pagos dos salarios son práctica habitual en Ombuds Seguridade. De feito, a empresa acumula varias resolucións da Inspección de Traballo por este e outros incumprimentos e ten débedas coa Axencia Tributaria que ascenden a preto de tres millóns de euros. O grupo figura na súa lista de grandes debedores “e aínda así, este organismo prorrogou o contrato de seguridade con esta empresa até o 1 de setembro”, denuncia Pérez.
Neste intre, subliña, a compañía está a negociar coas entidades financeiras a concesión de novas liñas de crédito para poder facer fronte aos impagamentos coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria. “Ombuds Seguridade agarda desesperadamente novos inversores que inxecten capital a unha empresa que acumula débedas e que carece de solvencia, o que nos fai sospeitar que este será un verán moi complicado para os traballadores e traballadoras, ao non existir garantías do pago das nóminas de xuño, da paga extraordinaria e do salario de xullo”, advirte Pérez.
Ante esta perspectiva, a CIG fai chamamento aos clientes privados e públicos desta empresa para que condicionen o abono das facturas pola prestación dos servizos ao pago efectivo das nóminas dos traballadores e traballadoras.
Falta de control das Administracións
Para o responsábel de Organización da CIG-Servizos, se finalmente a empresa entra en concurso de acredores, un dos grandes “culpábeis e cómplices necesarios será a propia Administración”, por non exercer o debido control con este tipo de compañías, “ás que contrata a baixo prezo sacando cada vez concursos máis precarios e baratos, na procura dunha seguridade low cost”. Fronte a este criterio economicista, reclama que se prime a solvencia, a capacidade e a calidade na adxudicación dos contratos, para evitar precisamente a entrada destas “empresas pirata, que agora sofren os traballadores e as traballadoras”.
A CIG estará vixilante sobre os movementos que se vaian producindo en Ombuds Seguridade para darlle cumprida resposta. A este respecto Pérez reitera o chamamento á responsabilidade dos clientes da empresa co persoal que presta servizo neses centros de traballo, “que é persoal de confianza que se ocupa da seguridade destes centros”.