A empresa Monbus é condenada a readmitir un traballador que se quixo presentar pola CIG ás eleccións sindicais
O Tribunal Supremo inadmitiu o recurso presentado por Tralusa (Grupo Monbus) e declara firme a sentenza de nulidade polo despedimento a Hugo Antunes, obrigando a empresa a súa readmisión inmediata, así como a abonarlle os salarios de tramitación. Este traballador fora despedido en febreiro de 2020 por Empresa Freire (que naquel momento tiña a concesión da liña de autobús Santiago de Compostela-Aeroporto Rosalía de Castro-Santiago de Compostela) despois de coñecer que ía presentarse como candidato pola CIG ás eleccións sindicais.
Tras varios atrasos na celebración do xuízo por mor da pandemia, cando finalmente saíu a sentenza contra Empresa Freire xa se tiña producido o cambio da concesión, adxudicada agora a TRALUSA -a UTE do Grupo Monbus que xestiona o transporte urbano de Santiago de Compostela- e a quen lle correspondía, polo tanto, reincorporar o traballador.
Pero o Grupo Monbus, que se negou a subrogar a todos os condutores e condutoras que viñan prestando este servizo, insistiu en non readmitir tampouco a este traballador despedido e con sentenza de nulidade. Agora, a sala do social do Tribunal Supremo declara firme a sentenza do Xulgado do Social 3 de Santiago de Compostela que obrigaba a TRALUSA a executar a reincorporación.
Ante a inminencia desta sentenza, nos últimos meses este traballador foi obxecto de presións e amezas directas de represalias por parte de responsábeis da empresa se non renunciaba a súa militancia na CIG. Un feito "delituoso e mafioso que vulnera gravemente o dereito de liberdade sindical", denuncia Inácio Pavón, responsábel de transporte da FGAMT-CIG de Compostela. Por iso, xa advirte que se levarán as probas ao xulgado no caso de que o traballador sufra calquera tipo de acoso ou ben non sexa reincorporado de inmediato, "poñendo enriba da mesa todas as responsabilidades detrás deste caso".
A empresa ten que abonar os salarios de trámite dende o despedimento
Cómpre subliñar que durante estes tres anos e medio a empresa non lle abonou ningunha cantidade ao traballador, a pesar de ir perdendo sentenza tras sentenza e recurso tras recurso, de maneira que neste momento, esgotados todos os recursos, Monbus está obrigada a readmitilo na liña do Aeroporto Rosalía de Castro e a pagarlle os salarios de trámite do tempo transcorrido.
"Este é un golpe máis ás prácticas deste grupo empresarial que goza de total impunidade por parte da Consellería de Mobilidade, e neste caso tamén coa axuda inestimábel do anterior Goberno municipal, pero á que nos últimos tempos comeza a vérselle as costuras acumulando numerosas sentenzas na súa contra", apunta Pavón.
Dáse ademais a circunstancia de que neste momento está aberta -aínda que paralizada por unha impugnación- a licitación do novo contrato do transporte urbano, no que Monbus non incluíu a Hugo Antunes no listado de persoas subrogábeis. Este feito, sinala Pavón, xa foi posto en coñecemento das autoridades municipais "a quen lle foi remitida a sentenza firme do Tribunal Supremo, solicitando subsanar de inmediato esta irregularidade".
Por parte da CIG agárdase que se incorpore sen máis demora ao traballador no seu posto e que Monbus dea por rematadas as represalias. E neste senso, o responsábel da FGAMT-CIG de Compostela xa avanza que "non imos tolerar máis abusos por parte desta empresa que se queixa de non ter condutores e condutoras dispoñíbeis pero que se negou a subrogar a quen levaba anos na liña do Aeroporto ou que ten a traballadores con sentenza de nulidade na casa sen incorporalos ao traballo".
Un custe derivado dunha mala praxe empresarial, critica, que finalmente asumen os orzamentos municipais, é dicir todos os veciños e veciñas.