A empresa Lidl, condenada por vulneración do dereito fundamental á folga
O xulgado do Social número 2 de Ferrol vén de notificar a sentenza pola que condena á empresa Lidl por vulneración do dereito fundamental á folga dos seus traballadores e traballadoras no almacén loxístico de Narón.
A CIG tiña efectuado demanda en contra de Lidl por vulneración deste dereito fundamental do persoal do centro do Polígono do Río do Pozo, que está en folga indefinida dende o pasado 14 de febreiro para reclamarlle á empresa o cumprimento do seu propio convenio colectivo.
Dende o inicio da folga, a compañía alemá, en lugar de buscar unha saída, tentou boicotear e minimizar os efectos do paro xeral desviando a carga de traballo a outras plataformas loxísticas. Deste xeito, os supermercados de Galiza, Asturies e parte de León que antes se abastecían dende o almacén naronés pasaron a recibir mercadorías procedentes das plataformas de Euskadi e Madrid.
Agora, a sentenza declara que con esta manobra, Lidl vulnerou o dereito fundamental á folga ao desviar a outras plataformas a carga de traballo que antes do comezo do paro asumía a plataforma de Narón.
Polo tanto, o xulgado condena a Lidl a cesar na súa conduta infractora e a indemnizar a CIG con 25.000€ en concepto de danos morais.
Suma de loitas
Con esta resolución na man, os traballadores e traballadoras continúan adiante coa folga e para este venres van desenvolver unha mobilización conxunta co persoal de Navantia e de GT Motive, sumando así as súas loitas.
Deste xeito, o persoal de GT Motive e Lidl marcharán ás 9:30h dende o HiperFroiz, e de maneira simultánea o persoal de Navantia fara o propio dende as portas do estaleiro. Por volta das 10:30h xuntaranse na tenda Lidl das Gándaras e dende alí sairán en manifestación até o edificio da Xunta en Ferrol.