A empresa de reciclaxe de Sogama irá á folga ante os incumprimentos do convenio
Os traballadores/as da UTE Cespa Impacta, que realiza tarefas de reciclado de envases lixeiros no complexo de Sogama en Cerceda, decidiron hoxe en asemblea convocar folga ante os incumprimentos do convenio colectivo no que ten que ver coas substitucións do persoal. Os empregados/as, que hoxe se mobilizaron de novo diante da empresa, desenvolverán paros parciais que poderían converterse en indefinidos no caso de que a dirección non atenda as súas demandas.
Segundo explican dende a representación da CIG en Cespa Impacta, o convenio de aplicación para as compañías que traballan nas instalacións de Sogama establece no seu artigo 10 que as vacantes se teñen que cubrir, por orde de lista, a través da bolsa de eventuais existente no centro de traballo.
Porén, dende hai seis meses hai un posto de peón que ocupaba unha persoa que se xubilou e que se atopa sen cubrir “porque a empresa non chamou aínda a traballadora que está de primeira na lista e á que lle tocaría ocupar esa vacante”, indican dende a CIG-Servizos da Coruña.
Isto provoca que estean a funcionar dúas quendas de traballo descompensadas, xa que unha ten 12 operarios/as e a outra ten 11, polo que reclaman a actuación inmediata de Sogama ante o incumprimento do convenio colectivo e “que non sexa cómplice desta situación de ilegalidade”.
Calendario de mobilizacións
Ante este incumprimento reiterado no tempo o persoal está a desenvolver un calendario de mobilizacións, á última hoxe mesmo cunha concentración ás portas do complexo de Cerceda, mentres que para este venres 16 teñen prevista unha nova protesta no mesmo lugar de 13:00 a 15:00 horas.
Ademais, os empregados/as reclaman o establecemento dunha quenda nocturna de mantemento con persoal propio de Cespa Impacta, xa que na actualidade encárganse deste servizo dos operarios/as dunha empresa externa.
Por todo isto, a asemblea de traballadores/as decidiu hoxe por ampla maioría convocar paros parciais, que poderán converterse nunha folga indefinida no caso de que a empresa siga a incumprir o convenio e non atenda as súas demandas do cadro de persoal, integrado por arredor de 20 persoas.