A empresa da recollida do lixo de Ourense incumpre a normativa anti covid a pesar dos positivos entre o persoal
A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que Ecourense, a empresa concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello, está a poñer en risco a saúde do seu persoal ao desoír a normativa e as recomendacións das autoridades sanitarias en relación coa covid.
Dende a central lamentan que a pesar da constatación de catro positivos entre os seus empregados/as, e de que os representantes sindicais no Comité de Seguridade e Saúde lle pediron actuacións inmediatas como a práctica de probas verificadoras para o persoal que mantivo contacto cos afectados/as, a empresa mire cara a outro lado e manteña a actividade con absoluta normalidade.
“Esta inacción, ademais de irresponsábel, pon en perigo a saúde do resto dos traballadores/as de Ecourense, das súas familias e da cidadanía que ten contacto directo con eles/as”, sinalan.
Diante disto, anuncian que presentarán denuncia ante a Inspección de Traballo e a Consellería de Sanidade por estes graves feitos, ao tempo que esixen da empresa e do Concello de Ourense que atendan a solicitude da representación sindical de CIG, UGT, CCOO e CSIF “no sentido de vixiar a saúde do persoal que estivo en contacto cos compañeiros/as afectados/as”.