
A empresa cambadesa Pescadona cambia o persoal de compañía sen notificación previa

Responsábeis da FGAMT-CIG compareceron onte en rolda de prensa en Vilagarcía para denunciar que a empresa cambadesa Pescadona, con centros de traballo en Cambados, Vilaxoán e na Illa de Arousa, procedeu a cambiar a maioría do persoal de compañía sen previo aviso e sen notificación ao comité. Ademais, dende a central sindical lembran que a firma do sector da conserva acumula salarios impagados a persoas traballadoras da CIG, até o punto de que a delegada do comité leva seis meses sen cobrar.
Mar Vila, da FGAMT-CIG do Salnés, explicou que Pescadona trasladou o persoal para a empresa Peixes e Mariscos Castelete o pasado 1 de xaneiro. “A sorpresa foi maiúscula, tendo en conta que non lle foi notificada a decisión a cada persoa traballadora de xeito individual, xa que só fixeron un comentario verbal na fábrica durante os últimos días de traballo”. Posteriormente as afectadas foron constatando que foran dadas de baixa en Pescadona e de alta en Castelete.
Con todo, hai unha parte do persoal -do que se descoñece o número porque a empresa non lle trasladou información ao comité- ao que lle consta unha alta e unha baixa na empresa Pescadona, “o que nos fai supoñer que puido haber unha modificación sen previo aviso do contrato de traballo”.
Vila lembrou que dende 2024 -cando por primeira vez se escolleu representación sindical na empresa, na que a CIG ten a maioría- a central comezou a denunciar publicamente discriminación no pago dos salarios, xa que a día de hoxe case todo o persoal ten abonados os soldos de 2024, “a excepción dalgunhas compañeiras da central sindical, como a delegada do comité, que acumula seis meses de impago de salarios”.
Polo que as afectadas fixeron reclamacións xudiciais, “tendo sentenzas ao seu favor de execución de pago dos salarios e dos atrasos do convenio da conserva que a empresa adebeda, mais tamén incluso do abono das baixas médicas”.
Fraude á Seguridade Social
Até o punto de que a central sindical vén de coñecer por parte Oficina de Loita contra a Fraude da Iinspección de Traballo e Seguridade Social que a empresa non acreditou o pago “en tempo e forma” da prestación por incapacidade temporal a varias persoas traballadoras, “obrigando as afectadas a ter que acudir á Seguridade Social a reclamar o pago delegado para poder cobrar mes a mes”.
Por todo isto, a CIG ten previsto continuar coas mobilizacións coincidindo coa próxima celebración de distintos xuízos tras as denuncias presentadas polos reiterados incumprimentos dunha empresa “acostumada historicamente a abonar as nóminas con varios meses de atraso até que a presión da central sindical fixo que se vise obrigada a regularizar os pagos á maioría do cadro de persoal”.