A economía, unha continuación da guerra por outros medios

Claude Serfati - 18 Abr 2023

O obxectivo dunha “OTAN económica” baséase principalmente na relocalización das actividades nos países amigos e apunta a China como rival sistémico. Este proxecto, así como as sancións decididas polos países occidentais contra Rusia, son contestados por moitos outros países, sobre todo os países emerxentes

 Este artigo explora as transformacións da economía mundial provocadas pola guerra en Ucraína. Prolonga a análise realizada nun artigo publicado ao comezo da pandemia da covid-19, que constataba unha relación máis estreita do nexo entre economía mundial e xeopolítica desde finais dos anos 2000 (o momento 2008), así como o estabelecemento de barreiras proteccionistas polos gobernos dos países desenvolvidos por razóns de seguridade nacional (Serfati, 2020). Desde a invasión de Ucraína por Rusia o 24 de febreiro de 2022, a guerra impuxo a súa lei nas relacións económicas internacionais. O mundo pasou das guerras comerciais á guerra sen máis. Actualmente, os conflitos entre grandes países mobilizan ao mesmo tempo medios militares e instrumentos económicos. Poderíase dicir, adaptando o aforismo de Carl von Clausewitz[1], que na situación actual a economía é a continuación da guerra por outros medios.

 A primeira parte deste artigo pon de relevo a fragmentación da economía mundial producida polas rivalidades xeopolíticas. Os dirixentes da Unión Europea (UE) e dos Estados Unidos (EUA) aliñáronse fronte á agresión rusa[2] e presentan unha unidade que parecía improbábel hai algúns anos. Propoñen a constitución dunha “OTAN económica”, que prolongaría a alianza militar que une os países da zona transatlántica, e chaman os grupos [empresariais] destes países a relocalizaren as súas cadeas mundiais de abastecemento en países amigos. O obxectivo declarado é facer fronte a China, cualificada de rival sistémico polos EUA e a UE. A segunda parte pregúntase pola viabilidade deste proxecto. A terceira parte avalía os efectos das sancións occidentais contra Rusia. A última parte trata das relacións entre a interdependencia económica e as relacións xeopolíticas.

Consolidación do bloque transatlántico arredor dunha “OTAN económica”

 Pouco despois da gran crise financeira de 2008, a Secretaria de Estado Hillary Clinton propuña que a asociación transatlántica de comercio e de investimento (ATCI[3]), negociada entre os EUA e a UE, e que xa tiña por obxectivo contrarrestar o ascenso de China e en xeral dos BRICS (Sudáfrica, Brasil, China, India e Rusia), constituíse unha verdadeira “OTAN económica” (Serfati, 2015). Este proxecto económico e xeopolítico, que finalmente foi abandonado (ver cadro 1), completaría no plano económico a alianza militar creada en 1948 entre os EUA e os países europeos. Esta formulación, como a dunha “OTAN para o comercio co fin de combater a agresión comercial chinesa” (Atkinson, 2021), foi retomada por grupos de reflexión próximos á Casa Branca a partir de mediados dos anos 2010, cando se agravaron os conflitos comerciais entre China e os EUA.

Cadro 1: O bloque transatlántico

O bloque transatlántico, composto principalmente polos EUA e países europeos, ten a súa orixe na conxuntura histórica xurdida da Segunda Guerra Mundial e os seus desenvolvementos no antagonismo entre os países occidentais e a URSS durante a guerra fría. O bloque é máis que unha alianza económica: baséase na solidariedade militar entre os seus membros (a OTAN en Europa e alianzas similares entre os EUA e varios países de Asia-Pacífico) e unha comunidade de valores que asocian a economía de mercado, a democracia e a paz. Este bloque está xerarquizado e dominado polos EUA.

 O período que se abriu tras a desaparición da URSS en 1991 foi o apoxeo do bloque transatlántico e, aínda máis, da supremacía dos EUA. O “consenso de Washington” (Williamson, 1990) consagrou a vitoria da economía de mercado capitalista durante dúas décadas. A solidariedade do bloque transatlántico reforzouse pola ampliación masiva da OTAN, que pasou de 16 a 30 membros entre 1991 e 2021.

 O bloque non escapa, con todo, á competencia económica interna, como o mostra o fracaso das negociacións sobre o TIPP comezadas oficialmente en 2013 entre os EUA e a UE. O paroxismo das rivalidades entre ambos alcanzouse durante o mandato de Donald Trump (2016-2020), que consideraba a Alemaña tan nociva como China para os intereses da economía norteamericana. Un dos obxectivos da UE, que desexa converterse nunha potencia xeopolítica, é axudar os seus Estados membros a presentar unha fronte unida na defensa dos seus intereses económicos contra as outras grandes potencias mundiais, incluídos os EUA. Actualmente en segunda liña tras a solidariedade occidental fronte a Rusia, as diverxencias entre os intereses das dúas partes poderían rexurdir rapidamente por mor da degradación da conxuntura económica.

“OTAN económica” e relocalización da produción en países amigos

 Desde o desencadeamento da guerra en Ucraína, multiplicáronse as propostas para constituír un bloque de países que acepten os valores e as regras dos países occidentais. Todas elas constatan que o período da mundialización aberto o 9 de novembro de 1989 (caída do Muro de Berlín) e baseado en regras de multilateralismo, como as representadas pola Organización Mundial do Comercio (OMC), se pechou coa invasión de Ucraína polo exército ruso. En efecto, a principal ensinanza da guerra en Ucraína é que o comercio internacional non só se debe basear no libre cambio, senón que tamén debe estar securizado. Estas propostas pretenden facer os países occidentais menos dependentes –desacoplalos, como din os angloamericanos– das economías de China e Rusia. Para a entón nova primeira ministra británica, o G7[4] –ao que cualificou como a “rede da Liberdade”– “debería actuar como unha “OTAN económica” e defender colectivamente a nosa prosperidade. Se a economía dun dos países membros fose atacada por un réxime agresivo, deberiamos comprometernos en apoialo (sic). Todos para un e un para todos”[5]. Esta formulación é moi parecida á do artigo 5 da Carta da OTAN, que constitúe a súa pedra angular e prevé, precisamente, unha defensa mutua en caso de agresión dun país membro.

 Como complemento á creación dunha “OTAN económica”, lanzáronse chamamentos a que os grandes grupos occidentais relocalicen as súas actividades en países aliados (ally-shoring) (Dezensky, Austin, 2020) ou amigos (friend-shoring), o que equivale a “relocalizar as cadeas de abastecemento en países politicamente seguros”[6]. Non se trata de propostas marxinais, posto que proveñen en primeiro lugar de Janet Yellen, actual Secretaria do Tesouro norteamericana. Este obxectivo foi fixado nunha conferencia convocada especialmente para tratar sobre “o futuro da economía mundial e o leadership económico de Estados Unidos”, dous meses despois do desencadeamento da guerra en Ucraína. A reestruturación da economía mundial pasa pola relocalización de actividades dos grupos americanos en “países amigos”[7]. Varios dirixentes europeos, entre eles a presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, apoian esta exixencia[8].

 A posta en pé da devandita “xeopolítica das cadeas de abastecemento”, segundo a expresión utilizada por Thierry Breton[9], Comisario europeo de industria, a cargo tamén da defensa e do espazo, tería un alcance considerábel. Afectaría os sectores considerados estratéxicos, cuxa listaxe, estabelecida polos gobernos, non deixa de se alongar e é potencialmente ilimitada. De maneira emblemática, un grupo de reflexión americano bipartidista levanta acta da defunción da “Internet mundial” (global Internet) e desexa que os EUA lancen unha “nova política exterior de Internet (…) que consolide unha coalición de países aliados e amigos co fin de preservar ao máximo unha plataforma de comunicación internacional securizada e de confianza” (Segal, Goldstein, 2022).

O final do multilateralismo?

 A Secretaria do Tesouro americana anunciou tamén que, en diante, o seu país daría prioridade á creación dunha rede de acordos “plurilaterais”. Esta formulación non é fortuíta. O asinamento de acordos comerciais entre países amigos unidos por valores comúns poría fin ao multilateralismo cuxos principios serviron de fundamento aos intercambios económicos internacionais durante as últimas décadas. É certo que os acordos bilaterais xa se desenvolveron, sobre todo para o estabelecemento de cláusulas sociais, e que estes principios foron minguando progresivamente; por outra banda, foron criticados pola “ausencia de control democrático sobre as decisións adoptadas nas organizacións e conferencias internacionais” (Eusopean Parliament, 2022: 5). Por tanto, probabelmente, as medidas de protección que axudarían a consolidar este bloque serían condenadas pola OMC, xa que violarían o seu espírito e as súas regras (Wilson, 2021). Esta cuestión é de grande actualidade, porque en marzo de 2022 os EUA e os países europeos revogaron a cláusula de nación máis favorecida –que é o núcleo do multilateralismo[10]– nas súas relacións comerciais con Rusia.

 As e os investigadores favorábeis á creación dunha “OTAN económica” son conscientes de que as medidas adoptadas derrogarían “as regras ditadas polas organizacións internacionais existentes, a OMC e as institucións das Nacións Unidas. Despois de todo, é un asunto de vontade política”[11]. Mais para apoiar a perspectiva dun bloque transatlántico como garante da economía mundial tamén hai argumentos máis tanxíbeis que a defensa dos valores e a vontade política. Desde a Segunda Guerra Mundial, a zona transatlántica está profundamente integrada e domina, aínda hoxe, a economía mundial. Os EUA e Europa supoñen ao redor dun terzo dos intercambios económicos mundiais, pero levan a cabo o 65% dos investimentos estranxeiros directos que son o principal vector da mundialización das cadeas de abastecemento (Hamilton, Quinlan, 2022). E sobre todo, os EUA e a UE dispoñen de formidábeis pancas financeiras nun mundo no que as finanzas controlan estreitamente as actividades de produción. O dólar e o euro son de lonxe as principais moedas utilizadas como medio de pagamento nos intercambios internacionais pola intermediación do sistema SWIFT (ver cadro 2).

 O anunciado abandono do multilateralismo inquieta, en particular, no seo do Fondo Monetario Internacional (FMI), brazo financeiro dos intercambios internacionais desde 1945, porque, como explica o seu economista xefe, “as placas tectónicas da xeopolítica” cuartéanse un pouco máis, lembrando que este “mundo fragmentado require máis, e non menos, responsabilidades para o FMI” (Gourinchas, 2022).

Cadro 2: SWIFT, un instrumento de poder financeiro dos EUA

O sistema Society for Worldwide Interbank Financial Telecommunication (SWIFT) é un sistema privado de interconexións de 11.000 institucións financeiras e grupos industriais repartidos en máis de 200 territorios. Ten a súa base en Bruxelas, pero o seu centro de datos está situado en Virginia (Estados Unidos). En xuño de 2022, rexistrou 42 millóns de mensaxes ao día, repartidos sobre todo entre compras e vendas de títulos financeiros (21 millóns) e pagamentos de bens e servizos (ao redor de 18,5 millóns), mentres que o principal sistema competitivo creado por China rexistra dez veces menos de transaccións que o SWIFT. Os países do bloque transatlántico dominan con amplitude: en abril de 2022, o dólar supuña o 41,8%, o euro 34,7%, a libra esterlina o 6,3%, o ien o 3,2% e o renminbi o 2,1% dos instrumentos de pagamento (Eichengreen, 2022). Como os pagamentos noutras divisas teñen, nun ou outro momento, como contrapartida ao dólar, todos os bancos deben pasar pola praza financeira de Nova York para as súas transaccións interbancarias. Os EUA constitúen, polo tanto, a armazón do sistema e utilizan a extraterritorialidade das súas leis para sancionar os bancos non americanos, como o BNP Paribas, que en 2014 tivo que pagar 9.000 millóns de dólares de sanción por romper o embargo decidido polos EUA contra Irán. SWIFT constituiría así un panóptico financeiro que permite aos EUA vixiar os fluxos de pagamentos mundiais.

A incerta viabilidade do proxecto transatlántico

 A reorganización da economía mundial arredor dun eixo transatlántico bate, así e todo, con serias dificultades. Por unha banda, as sancións contra Rusia adoptáronse sobre todo polos países occidentais; por outra banda, a relocalización das cadeas mundiais de abastecemento nos países amigos enfróntase con moitos atrancos.

Sancións contra Rusia e axuda a Ucraína esencialmente occidentais

 Aos observadores non se lles escapou que as sancións contra Rusia se adoptaron case exclusivamente por países occidentais, e o mesmo ocorre coa axuda financeira e militar a Ucraína, sendo os EUA o seu principal provedor, co 61% da axuda total e o 76% da axuda militar total (ver gráfico 1).

 Esta heteroxeneidade das reaccións, segundo países, á guerra de Ucraína e ás sancións contra Rusia atópase tamén na esfera sindical a nivel mundial (ver cadro 3).

Gráfico 1. A axuda financeira e militar a Ucraína: un asunto occidental

En miles de millóns de €

Nota: os países anglosaxóns inclúen aquí a Australia, Canadá, Estados Unidos, Reino Unido e Nova Zelandia.

Lectura: as institucións europeas aboaron 16.000 millóns de euros de axuda a Ucraína, dos cales 2.500 millóns baixo forma militar.

Fonte: Autor, a partir da base de datos de Kiehl University (ao 20 de agosto de 2022)

Cadro 3: Os sindicatos, a guerra en Ucraína e as sancións contra Rusia

 A meirande parte dos sindicatos do planeta condenaron a invasión de Ucraína por Rusia que viola as regras do dereito internacional. Pero tendo en conta a desastrosa situación en que se atopa unha parte da poboación do planeta, o interese e a urxencia da solidariedade co pobo ucraíno son sentidos de maneira diferente. En África, levántanse críticas á dobre linguaxe, dirixidas aos gobernos occidentais que condenan a guerra en Ucraína pero son acusados de deixar persistir as guerras que esgazan o continente, e ás veces mesmo participan directamente nelas. Os sindicatos do continente africano tamén condenaron o comportamento discriminatorio e os actos racistas nalgúns países da UE contra persoas africanas e non europeas que fuxían da guerra en Ucraína.

 Os sindicatos europeos reclaman a retirada das tropas rusas de Ucraína, incluíndo ou non, segundo os sindicatos, os territorios ocupados desde 2014 por Rusia. Apoian as sancións económicas adoptadas contra Rusia e expresaron unha solidariedade concreta co pobo ucraíno. En Francia, como noutros países, un convoi organizado de maneira conxunta polos oito sindicatos nacionais acudiu a Ucraína para achegar unha axuda material (financeira e humanitaria). En cambio, están divididos sobre o apoio militar a Ucraína. Varios sindicatos italianos chamaron mesmo a unha folga xeral contra a política gobernamental, criticada polo seu apoio militar a Ucraína que, segundo eles, levará a un novo aumento do orzamento de defensa en detrimento de os gastos con finalidade social. Os sindicatos europeos condenaron tamén as leis votadas polo Parlamento ucraíno privando os asalariados de dereitos protectores esenciais. Esta lei marca un novo fito na ofensiva levada a cabo desde hai anos polo goberno ucraíno que tenta aproveitar a guerra para os seus proxectos antisociais.

 A meirande parte dos países emerxentes rexeitaron ser embarcados na campaña de sancións contra Rusia; e segundo un experto, algúns países do Sur “poderían mesmo apoiar en segredo a Rusia”[12]. Os BRICS, ese grupo constituído a comezos dos anos 2000 que forma a principal forza organizada dos principais países emerxentes, mais tamén Turquía, México, Arxentina e Indonesia, que son todos eles membros do G20, así como unha maioría de países do continente africano, son hostís ás sancións. Mesmo previron, na súa cimeira de xuño de 2022, reforzar o uso das moedas dos países membros nos seus intercambios comerciais, así como a creación dunha axencia de cualificación independente. Como resultado do embargo europeo, o goberno ruso reorientou as súas exportacións de petróleo e de gas cara a Asia –case a metade delas diríxense xa a esta rexión– e África. As resistencias á implantación de sancións proveñen mesmo de aliados fieis dos EUA e a UE (Israel e Arabia Saudita[13], nomeadamente). En Asia, países xa industrializados e aliados tradicionais de Washington como Corea do Sur, Xapón ou mesmo Taiwán, consideran con desconfianza a “politización” das cadeas de abastecemento mundiais e o intento dos EUA de os levar a un conflito aberto con China[14]. En efecto, estes países conservan na memoria as palabras de Donald Trump ao cualificar a Asociación Transpacífica (ATP), creada baixo a Administración Obama, como “violación do noso país” e decidir anulala tres días despois da súa elección en 2016[15]. Ademais, as economías dos países asiáticos están fortemente imbricadas coa economía chinesa. Por iso, o Tratado Económico Indo-Pacífico (Indo-Pacific Economic Framework, IPEF) posto en marcha en 2022 pola Administración Biden cunha ducia de países para tentar restabelecer o leadership americano na rexión fronte a China, ten en realidade obxectivos limitados[16]. En suma, a utilización de medidas económicas con fins xeopolíticos por parte dos países occidentais suscita resistencia en numerosos países.

 Esta resistencia de moitos países emerxentes ás sancións decididas polos aliados podería debilitar o papel central que xoga o dólar no sistema financeiro internacional[17], e mesmo conducir a un novo sistema cualificado como Bretton Woods 3[18]. Segundo un experto recoñecido en medios financeiros, “cando termine a crise (e a guerra), o dólar americano debería ser máis débil e, por outra banda, o renminbi, apoiado por un conxunto de divisas, podería ser máis poderoso”[19], por tres razóns. En primeiro lugar, nun plano técnico, os economistas observan que a posesión de dólares está baseada nas garantías ofrecidas pola Reserva Federal (o banco central americano) e, polo tanto, na confianza de poder utilizar esta moeda de forma ilimitada como medio de pagamento. Agora ben, coa conxelación dos haberes en dólares en posesión do Banco Central de Rusia, a administración norteamericana confirma que os seus propios intereses estratéxicos prevalecen por riba do respecto ao bo funcionamento da moeda internacional que a potencia emisora da liquidez internacional debe garantir[20]. No plano político, esta medida unilateral vai acelerar a procura de solucións alternativas ao dólar. En 2015, China puxo en marcha un sistema internacional de pagamentos baseado no renminbi, aínda cun uso limitado, pero que podería ser utilizado para eludir o dólar. Unha enquisa entre responsábeis de bancos centrais realizada uns meses despois do inicio da guerra en Ucraína sinalaba que unha maioría deles aumentaron as súas reservas en moeda chinesa[21]. En suma, a “militarización do dólar”[22] vai ampliar os enfrontamentos xeopolíticos. E, por último, os EUA xa non están na situación hexemónica da posguerra que lle permitiron impor, mesmo aos seus aliados europeos, un sistema monetario internacional que se materializou nos acordos de Bretton Woods de 1944, cando a crenza de que “o dólar é tan bo como o ouro” se impuxo contra toda realidade.

Unha relocalización limitada das cadeas mundiais de abastecemento

 A relocalización en países amigos das cadeas mundiais de abastecemento (CMA) dos grandes grupos –que segundo a OCDE[23] controlan o 70% do comercio mundial– tamén suscita interrogantes e bate con varias dificultades. Xa a crise sanitaria provocada pola pandemia da covid-19 perturbara fortemente as cadeas de abastecemento organizadas polos grandes grupos mundiais. Un estudo dun gabinete asesor sinalou daquela que “51.000 empresas no mundo teñen un ou varios provedores directos (de rango 1) e polo menos 5 millóns de empresas teñen un ou dous provedores de rango 2 en China e na rexión” (Dun & Bradstreet, 2020). A fraxilidade deste edificio, construído sobre a extrema segmentación internacional dos procesos produtivos e interpretado como o exitoso encontro entre innovacións tecnolóxicas e estratexias audaces (ou dinámicas) dos dirixentes dos grupos, xa apareceu de feito tras a gran crise financeira de 2008. As estratexias de redución permanente dos custos salariais e de xestión baseada na procura obsesiva do xusto a tempo co fin de evitar a constitución de stocks, confirman hoxe os seus graves inconvenientes. En concreto, estas decisións estratéxicas mostráronse responsábeis das rupturas das CMA durante a pandemia da covid-19 e das súas consecuencias.

 Porén, se se exceptúa o masivo desenganche dos grupos occidentais do mercado ruso, a relocalización das actividades polos grandes grupos americanos e europeos, anunciada desde a pandemia en nome da resiliencia das CMA, segue a ser aínda limitada. O proceso de retirada do mercado chinés é moito máis limitado, aínda que se podería ampliar. Tres meses despois do comezo da guerra de Ucraína, o 7% das empresas americanas e europeas presentes en China interrogadas pecharan os seus estabelecementos, ou decidiran facelo, por mor das tensións xeopolíticas[24]. Esta situación, que podería evolucionar baixo a presión dos gobernos estadounidense e europeos, pódese explicar polo feito de que as estratexias dos grandes grupos están sometidas a imperativos contraditorios. Por unha banda, a relocalización de actividades nos países amigos responde á exixencia de seguridade de abastecemento, formulada polos gobernos occidentais para os sectores considerados estratéxicos e polas direccións dos grupos, conscientes de que en diante é indispensábel para a continuidade dos procesos de produción no contexto de crises multidimensionais. Evidentemente, os convites a relocalizar en países amigos diríxense a grupos industriais occidentais con presenza en China. Estas relocalizacións están estimuladas polas incitacións financeiras propostas polos gobernos e polos beneficios reputacionais que poidan obter os grupos. Pero, por outra banda, as forzas que empurran á deslocalización de actividades seguen sendo poderosas (Ruta, 2022). Ante todo, as estratexias dos grandes grupos están determinadas polos custos de produción. Pero non só os custos salariais seguen a ser máis elevados nos países occidentais, senón que algúns temen, tomando o exemplo dos EUA, que unha relocalización obrigada por razóns xeopolíticas teña como efecto un aumento do poder dos asalariados e dos sindicatos[25].

 Por tanto, a relocalización implicaría para os empregadores o risco de inverter o proceso de enfraquecemento dos sindicatos provocado polas deslocalizacións. Tamén hai que prever custos ligados á reestruturación da cadea loxística en caso de relocalización. Polo xeral, as CMA dos grandes grupos levan decenas, ou mesmo centenares, de empresas subcontratistas, unha parte das cales non é ademais coñecida por quen dá as ordes finais. A súa relocalización ameaza por tanto con degradar as relacións entre os ordenantes e os subcontratistas, cuxa calidade é esencial nalgunhas industrias intensivas en tecnoloxía. Non é casualidade que os dirixentes de grupos de high tech sexan os máis reticentes a modificar as súas implantacións[26]. Ademais, as relocalizacións motivadas por razóns xeopolíticas aumentarían moi probabelmente os custos dos insumos[27] producidos polos provedores e, por tanto, o prezo de venda dos produtos, polo menos se se manteñen as actuais marxes. A título de exemplo, a repatriación aos EUA de toda a produción dun iPhone vendido por Apple triplicaría o seu prezo para o consumidor final[28].

 Finalmente, o argumento de mellorar a seguridade grazas a unha relocalización “fóra dos países inimigos”, o que significa fundamentalmente pechar os lugares de produción occidentais en China, é cuestionábel en parte, posto que a avalancha cara a novos países de acollida recrearía a mesma estrutura de dependencia que a que motiva a saída de China.

A eficacia das sancións a debate

 As sancións son medidas unilaterais ou colectivas adoptadas contra un ou varios países acusados de violar as regras internacionais. O seu obxectivo é obrigalo(s) a cumprilas a través de medios que están por baixo da intervención militar (Davis, Engerman, 2003), aínda que poidan ser máis mortíferos para a poboación[29]. As sancións derrogan as regras do multilateralismo no ámbito dos intercambios internacionais, mais a OMC, que é o seu garante, considera no artigo 21 da súa Carta que son legais a condición de que correspondan a obxectivos de seguridade nacional, tamén chamados “intereses esenciais” nos documentos das organizacións internacionais. Por iso, unha comisión da OMC rexeitou o recurso que presentou Rusia contra as sancións adoptadas na súa contra tras a ocupación militar de Crimea en 2014. Desde mediados dos anos 2010, este artigo 21 permite aos gobernos dos países desenvolvidos e emerxentes ampliar de forma notábel o espectro de actividades que desexan protexer en nome da súa seguridade nacional (Serfati, 2020).

Sancións dun alcance inédito desde a Primeira Guerra Mundial

 As sancións adoptadas polos países occidentais contra a invasión de Ucraína por Rusia o 24 de febreiro de 2022 son dun alcance inédito desde a Primeira Guerra Mundial e son claramente máis duras que as adoptadas en 2014. Nesa época, a UE mostrouse menos ofensiva que os EUA ao excluír as importacións de gas do paquete de sancións. Ademais, a coordinación transatlántica foi mediocre, e aínda máis baixo a presidencia de Donald Trump.

 Estas medidas caracterízanse hoxe en día por tres dimensións inéditas. En primeiro lugar, afectan o embargo sobre as exportacións de tecnoloxías, considerabelmente endurecido en comparación co decidido en 2014. Tamén, as sancións financeiras contra o Estado e contra o sistema bancario rusos constitúen indiscutibelmente o aspecto máis masivo, aínda que a cualificación de “arma nuclear” empregada por Bruno Lemaire, o daquela ministro de Finanzas do goberno Castex, foi esaxerada. As medidas tomadas polos EUA e a UE inclúen a prohibición feita aos seus bancos de aceptar o pagamento procedente de bancos rusos, o que ten tres consecuencias importantes: a suspensión de pagamentos (default) da débeda rusa, a conxelación das reservas en moeda estranxeira do Banco Central ruso (arredor da metade dos 670.000 millóns das súas reservas) e a exclusión dos bancos rusos do sistema SWIFT (cadro 2, ver supra). Esta exclusión provoca unha embolia do fluxo de intercambios de mercadorías entre Rusia e os países occidentais, aínda que os Estados membros da UE fagan unha excepción para o pagamento das importacións de gas ruso. Un think tank americano explicaba un mes antes da guerra que o anuncio de sancións financeiras polo presidente Joe Biden mostraba “a capacidade dos EUA para facer a cambadela a Rusia sen disparar un só tiro [confirma] a soberanía dos EUA e do dólar na economía mundial” (Pearkes, 2022). Por último, as sancións diríxense ao patrimonio financeiro e inmobiliario de personalidades rusas.

 As sancións económicas non son unha arma nova. Son medidas unilaterais ou colectivas adoptadas contra un ou varios Estados acusados de violar as regras internacionais. Foron máis frecuentes a partir do século XIX, comezando polo bloqueo organizado en 1827 por Francia, Gran Bretaña e Rusia para impedir aos exércitos otomán e exipcio ir combater a Grecia, en loita pola súa independencia. Foron adoptadas máis dun centenar de veces até a Segunda Guerra Mundial e case sempre por grandes potencias contra países de tamaño netamente inferior (Davis, Engerman, 2003). No curso das últimas décadas, os EUA son o país que máis masivamente recorreu ás sancións económicas. As administracións de Obama (2008-2016) e Trump (2016-2020) recorreron a elas varias veces (contra Corea do Norte, Cuba, Irán, Siria e Venezuela), tras o fracaso da guerra de Afganistán (2001) e Iraq (2003).

O efecto das sancións atenuadas polas exportacións de petróleo e gas... a curto prazo

 En xeral, a eficacia das sancións económicas é obxecto de debate entre os historiadores. As inflixidas actualmente a Rusia suscitan tamén interrogantes. Por unha banda, teñen un efecto negativo para a industria rusa, que é moi dependente dos compoñentes estranxeiros para algunhas industrias estratéxicas. É innegábel que o embargo sobre compoñentes e subsistemas importados por Rusia pon en dificultades o sector aeronáutico[30] e automobilístico, cuxa produción se derrubou desde as sancións, pasando de 108.000 coches producidos en febreiro a 3.700 en maio de 2022[31]. Mesmo é probábel que a súa produción de sistemas de armas se paralizase, o que di moito sobre o grao de dependencia en produtos occidentais da industria rusa. O goberno ruso tivo que facer pedidos de drons a Turquía –que os proporciona tamén a Ucraína– e de mísiles a Corea do Norte. Así pois, as sancións impostas polos países occidentais engádense aos gastos dedicados á guerra para provocar unha severa recesión. O PIB podería caer un 7,5% en 2022 (COFACE, 2022) e moito máis nos anos seguintes. O Alto Representante para asuntos exteriores e política de seguridade da UE apoiouse neste dato para declarar que “as sancións son eficaces” (Borrell, 2022).

 No entanto, até o de agora, o goberno ruso conseguiu atenuar os efectos das sancións financeiras. As reservas do Banco Central ruso nunca foran tan elevadas, grazas aos ingresos obtidos das exportacións de petróleo e gas, cuxos prezos aumentaron a consecuencia do embargo occidental. O choque sufrido pola economía rusa foi amortecido debido á autorización dada polos países europeos para continuar utilizando o sistema SWIFT para o pagamento das compras de gas. Ademais, varios países asinaron importantes contratos gasísticos que compensan amplamente a perda progresiva do mercado europeo para os grupos enerxéticos rusos. O resultado é un excedente da balanza comercial de Rusia por un total de 95.800 millóns de dólares no catro primeiros meses de 2022, un nivel que non fora alcanzado desde 1994. Porén, este excedente non reflicte a potencia económica do país, porque, dunha parte, o moi elevado prezo do petróleo e do gas podería non durar e, por outra, en gran medida é froito do forte retroceso das importacións por mor das sancións (Darvas, Martins, 2022). A medio prazo, o futuro da economía rusa é máis ben sombrío. Os expertos rusos informaron os dirixentes do país que as sancións poderían levar a unha recesión de varios anos[32].

 O verdadeiro alcance das sancións que golpean os dirixentes e homes de negocios rusos suscita tamén interrogantes. Estes gozaron das delicias dos paraísos fiscais, que se multiplicaron ao ritmo da desregulación dos mercados financeiros e das medidas gobernamentais adoptadas nos países occidentais para atraer capitais financeiros. A metade da súa fortuna estaría resgardada (Novokmet et al., 2018). Atacar realmente a fortuna dos oligarcas exixiría, por tanto, dirixir golpes decisivos contra a arquitectura financeira internacional da que se aproveitan amplamente os bancos e os fogares afortunados dos países occidentais. O que é pouco probábel, porque as oportunidades de colocar capitais non sometidos a impostos multiplicáronse desde a crise financeira de 2008 (Damgaard, Elkjaer, 2018).

Unha crise inédita sobre un fondo de integración económica forzada e de agravación das rivalidades xeopolíticas

 A guerra en Ucraína e os chamamentos a constituír unha “OTAN económica”, cos seus efectos sobre a reestruturación das CMA, abren unha nova configuración do espazo mundial que algúns comparan coa da guerra fría, do mesmo xeito que a guerra en Ucraína é un eco da guerra en Corea de 1950-1953[33]. Esta referencia sinala a gravidade das actuais tensións, posto que a guerra de Corea estivo a piques de conducir a unha nova utilización da arma nuclear. Con todo, para os obxectivos deste artigo, unha gran diferenza coa era da mundialización imposta nas últimas tres décadas é que os sistemas sociopolíticos occidentais e soviéticos mantiñan na época da guerra fría relacións económicas limitadas.

Sectores industriais cativos da produción de materiais importados de Rusia e Ucraína

 A comparanza entre a situación actual e as décadas que precederon á Primeira Guerra Mundial resulta en realidade máis frutífera (Dent, 2020), e non só porque esta sexa cualificada de primeira mundialización tras os traballos do historiador Paul Bairoch. Naquela época, como hoxe, a integración económica mundial asociaba países como Alemaña e Francia, vinculados por numerosos intercambios económicos e ao mesmo tempo comprometidos en rivalidades xeopolíticas mortíferas. Certamente, por definición, unha analoxía non esvae a existencia das diferentes realidades sometidas á comparación. Así, a interdependencia dos territorios nacionais ten hoxe día unha amplitude sen medida común coa que existía antes de 1914, a pesar de que Keynes sinalaba, un século antes da chegada de Deliveroo, que un membro das clases superiores ou medias de Londres “podía, mentres degustaba o seu té da mañá, encargar por teléfono variados produtos de toda a terra nas cantidades que lle conviñan, e esperar velos axiña depositados á súa porta...” (Keynes, 2002 [1919]).

 A guerra en Ucraína confirma até que punto a constitución das CMA profundou a división internacional do traballo e aumentou a interdependencia económica entre os países. Numerosos sectores industriais están case totalmente cativos da produción de materiais importados de Rusia ou de Ucraína. Ucraína controla o 70% da produción de gas neón, indispensábel para os láser utilizados na produción de semicondutores. Á súa vez, este gas é un subproduto da industria metalúrxica rusa purificada en Ucraína (World Trade Organization, 2022). A industria americana de semicondutores é dependente en máis do 90% do neón importado de Ucraína. Rusia controla o 26% da produción mundial de metais raros, como o paladio, indispensábel para a produción de vasillas catalíticas. As industrias automobilísticas dos países occidentais son tributarias destas importacións, nun 56% para Canadá, nun 45% para Xapón e Italia, nun 43% para os EUA e 38% para Corea do Sur (Ibid). Son só algúns exemplos entre outros moitos.

 No curso destas tres últimas décadas, os grandes grupos rusos e chineses foron integrados totalmente na economía mundial, aínda que con modalidades diferentes. Os grupos rusos están situados principalmente río arriba das cadeas de valor dos grupos occidentais, aos que proporcionan recursos naturais (petróleo, gas), materiais críticos (metais utilizados na produción de semicondutores) e produtos químicos (Winckler, Wuester, 2022). Os grupos chineses están máis presentes nas CMA, posto que se sitúan no corazón dos procesos de transformación dos insumos en produtos acabados.

Fortes rivalidades xeopolíticas

 Agora ben, esta integración económica mundial asocia a países cuxos grupos industriais están en competencia nos mercados mundiais e que se volveron moi rivais no plano xeopolítico. As tensións políticas entre os países occidentais e China non impediron a súa adhesión á OMC en 2001 e a candidatura de Rusia foi aceptada en 2011, mesmo cando desde finais dos anos 2000 Vladimir Putin endurecera o seu discurso cara a Occidente e levara a cabo as guerras de Chechenia e Xeorxia.

 Algúns economistas, preocupados pola fragmentación en curso da economía mundial, recomendan separar as rivalidades xeopolíticas da integración económica mundial xa que “a interdependencia económica (…), aínda que ás veces complicada, axuda a manter a paz”[34]. O punto de vista adoptado neste artigo é diferente. A historia dos dous últimos séculos mostra que as interaccións entre a economía mundial e o sistema internacional de Estados, que sostén as rivalidades xeopolíticas, existen de forma permanente. A competencia económica e as rivalidades xeopolíticas están estreitamente imbricadas, aínda que as súas relacións se modifican e dan lugar a diferentes conxunturas históricas. A extensión mundial da economía de mercado capitalista non suprimiu a existencia de relacións sociais nas que se basea e que están territorialmente circunscritas e politicamente organizadas ao redor de Estados. Redescóbrese, por exemplo, que os grandes grupos mundiais, a pesar do carácter global das súas estratexias, manteñen a través de moitas canles vínculos privilexiados co seu territorio de orixe e cos seus gobernos. O profundamento da crise vai consolidar estas canles e a acentuar a competencia nos mercados mundiais, reforzando a súa coloración xeopolítica.

Conclusión

 Este artigo dá conta dos efectos provocados pola guerra en Ucraína sobre a economía mundial, sobre todo a aceleración da fragmentación da produción a nivel mundial, un proceso xa emprendido durante os anos 2010. O obxectivo dunha “OTAN económica” baséase principalmente na relocalización das actividades nos países amigos e apunta a China como rival sistémico. Este proxecto, así como as sancións decididas polos países occidentais contra Rusia, son contestados por moitos outros países, sobre todo os países emerxentes.

 Non se debe subestimar a amplitude dos perigos que se derivan da agravación das tensións xeopolíticas sobre un fondo de integración económica cada vez máis forzada. Hai que mencionar, en primeiro lugar, a traxedia social. Segundo un informe de Nacións Unidas, 1.200 millóns de persoas que viven en 94 países que se atopan en “tormenta perfecta” (perfect storm), están expostas ás tres dimensións, alimentaria, enerxética e financeira, da crise actual (UN Global Crise Response Group on Food, Energy and Finance, 2022). Esta enumeración é por desgraza incompleta: hai que engadir a minima a crise sanitaria e a crise climática, que completan o cadro inquietante da desorde mundial instalada.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] “A guerra é unha simple continuación da política por outros medios”. Carl von Clausewitz, Da guerra.

[2] Para unha análise das singularidades do imperialismo ruso, ver Serfati (2022).

[3] En inglés, TTIP, por Transatlantic Trade and Investment Partnership.

[4] O G7 é un grupo informal composto polos seguintes países: Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón e Reino Unido.

[5] Truss, Elizabeth “The return of geopolitics: Foreing Secretary´s Mansion House speach at the Lord Mayor’s 2022 Easter Banquet”, 27/04/2022, https://bit.ly/3C4cT4h

[6] Witt, Michael A. “Prepare for the U.S. and China to Decouple”, Harvard Business Review, 26/06/2020, https://hbr.org/2020/06/prepare-for-the-u-s-and-china-to-decouple

[7] “Remarks by Secretary of the Treasury Janet L. Yellen on Way Forward for the Global Economy”, 13/04/2022, https://home.treasury.gov/news/press-releases/jy0714

[8] Lagarde, Christine “A new global map: European resilience in a changing world”, presentación no Peterson Institute for International Economics, Washington DC., 22/04/2022, https://bit.ly/3ST0YwJ

[9] https://ec.europa.eu/commission/presscorner/detail/en/SPEECH_22_5350.

[10] Baséase no principio de non discriminación entre os socios comerciais e pretende impedir aos países que concedan un trato diferente entre os socios.

[11] Merritt, Giles “The case for an economic NATO to clip provocative China’s wings”, Friends of Europe, 20/04/2021, https://bit.ly/3ryWAHK

[12] Drezner, Daniel W. “How robust is the global opposition to Russia’s invasion of Ukraine?”, Washington Post, 29/03/2022, https://wapo.st/3CtMD4I

[13] Pouco tempo despois da invasión rusa, este país investiu en Rusia uns 4.000 millóns de dólares nun programa trianual de desenvolvemento enerxético.

[14] Para unha opinión contraria que analiza o ascenso dos EUA en Asia e o devalar de China, ver Rozman (2022).

[15] Glass, Andrew “Trump scuttles Trans-Pacific Trade Pact, Jan. 23 2017”, 23/01/2019, https://politi.co/3SBj9aJ

[16] Forough, Mohammadbagher “America’s Pivot to Asia 2.0: The Indo-Pacific Economic Framework”, The Diplomat, 26/05/2022,

https://bit.ly/3e3iU9n

[17] Wigglesworth, Robin; Ivanova, Polina; Smith, Colby “Financial warfare: will there be a backlash against the dollar?”, Financial Times, 07/04/2022, https://www.ft.com/content/220db8f2-2980-410f-aab8-f471369ac3c

[18] O sistema monetario internacional estabelecido en Bretton Woods en 1944 consagraba a hexemonía do dólar e a posibilidade en todo momento de converter en ouro as reservas en dólares mantidas polos Bancos Centrais. La inconvertibilidade en ouro foi anunciada polo presidente Nixon o 15 de agosto de 1971 (sistema cualificado de Bretton Woods 2).

[19] Crédit Suisse, “Zoltan Pozsar: ‘We are witnessing the birth of a new world monetary order’”, 21/03/2022, https://bit.ly/3rqnaCZ

[20] Pisani-Ferry, Jean “Will Russia or the West win the economic and financial battle?”, Project Syndicate, 01/09/2022, https://bit.ly/3M5jbFe

[21] Duguid, Kate; Asgari, Nikou “Central banks look to China’s renminbi to diversify foreign currency reserves”, Financial Times, 01/07/2022, https://www.ft.com/content/ce09687f-f7e5-499a-9521-d98cbd4c5ac1.

[22] Ver Arslanalp et al. (2022); Pop, Valentina; Fleming, Sam; Politi, James “Weaponisation of finance: how the west unleashed “shock and awe” on Russia”, Financial Times, 06/04/2022, https://www.ft.com/content/5b397d6b-bde4-4a8c-b9a4-080485d6c64a

[23] https://www.oecd.org/trade/topics/global-value-chains-and-trade/

[24] Huld, Arendse “China business sentiment surveys: Foreign companies remain committed despite headwinds” (Los grupos extranjeros se mantienen en China, pese a los vientos en contra), China Briefing, 20/05/2022, https://bit.ly/3ygqKTY

[25] Forhoohar, Rana “Who will pay for the shift from efficiency to resilience?”, Financial Times, 12/09/2020, https://www.ft.com/content/7dd4c3f0-0a8e-49ce-8022-9c8d75af3e3d

[26] https://mck.co/3rzp1oO

[27] https://bit.ly/3ygZhkS

[28] Smith, Stacy V. “How much would an all-American iPhone cost?”, Marketplace, 20/05/2014, https://bit.ly/3UZir8F

[29] Segundo as estimacións, entre 200.000 e 500.000 niños morreron como consecuencia das sancións impostas a Iraq durante a década de 1990.

[30] Trévidic, Bruno “Le fleuron de l’aviation russe se cherche un avenir sans ses moteurs français”, Les Échos, 12/09/2022.

[31] https://bit.ly/3rsqe1h

[32] Bloomberg, “West’s sanctions could damage the Russian economy for the next decade”, Fortune, 6/09/2022, https://bit.ly/3SZFIWt

[33] Lee, James “What Ukraine is teaching us about geoeconomics”, táboa redonda organizada pola IGCC, 15/06/2022, https://bit.ly/3C5pHra

[34] R.G. Rajan, «Just say no to “Friend-shoring”», Project Syndicate, 3/6/2022, https://bit.ly/3EevIEs

_____________________________________________________________________________

Referencias:

Arslanalp, Serkan, Eichengreen; Barry, J. y Simpson Bell, Chima (2022) “The stealth erosion of dollar dominance: Active diversifiers and the rise of non-traditional reserve currencies”, IMF Working Paper, 2022/058, https://bit.ly/3rtivjz.

Atkinson, Robert D. (2021) “NATO for trade. What is Chinese “Innovation Mercantilism” and how should the UK and allies respond?”, ITIF, https://bit.ly/3V4CjqX.

Borrell, Josep (2022) “The sanctions against Russia are working”, Blog Post, EEAS, 16 de xullo, https://bit.ly/3M2unTa.

Damgaard, Jannick e Elkjaer, Thonas (2018) “Piercing the veil”, IMF F&D Magazine, vol. 55, n° 2, p. 50-53, https://bit.ly/3C0xBli.

Darvas, Zsolt e Martins, Catarina. (2022) “Russia’s huge trade surplus is not a sign of economic strength”, Blog Post, Bruegel Institute, https://bit.ly/3SzVIhP.

Davis, Lance e Engerman, Stanley (2003) “History lessons. Sanctions: Neither war nor peace”, The Journal of Economic Perspectives, 17, 2, pp. 187-197, https://www.jstor.org/ stable/3216864.

Dent, Christopher M. (2020) “Brexit, Trump and trade: Back to a late 19th century future?”, Competition & Change, 24, 3-4, pp. 338-357, https://doi.org/10.1177/1024529420921481.

Dezenski, Elaine K. e Austin, John (2020) “Re-forge strategic alliances and check China abroad, rebuild economy at home”, Newsweek, FDD, 13 de xullo, https://bit.ly/3dZiqRK.

Dun e Bradstreet (2020) “Business Impact of the Coronavirus. Business and Supply Chain Analysis Due to the Coronavirus Outbreak”, https://bit.ly/3rumlZN.

Eichengreen, Barry J. (2022) “Sanctions, SWIFT, and China’s Cross-Border Interbank Payments System”, CSIS Briefs,

European Parliament (2022) “Multilateralism and democracy. A European Parliament perspective”, In-Depth Analysis, PE 639.319, https://bit.ly/3CbsNdf.

Gourinchas, Pierre-Olivier (2022) “Shifting geopolitical tectonic plates”, Finance & Development, IMF, pp. 10-11, https://bit.ly/3M33IWh.

Hamilton Daniel S. e Quinlan, Joseph (2022) “The Transatlantic Economy 2022. Annual Survey of Jobs, Trade and Investment between the United States and Europe”, https://bit.ly/3RzuAOP

Keynes, John Meynard. (2003 [1919]) Las consecuencias económicas de la paz. Barcelona: Crítica.

Novokmet, Filip; Piketty, Thomas e Zucman, Gabriel (2018) “From Soviets to oligarchs: Inequality and property in Russia 1905-2016”, The Journal of Economic Inequality, 16, 2, pp. 189-223, https://doi.org/10.1007/s10888-018-9383-0.

Pearkes, George (2022) “Ukraine and Dollar Weaponization”, Atlantic Council, https://bit.ly/3EdcrDh.

Rozman, Gilbert (2022) “20 ways China is losing the Ukraine war”, The Asian Forum, https://bit.ly/3rrKVKX.

Ruta, Michele (2022) “How the war in Ukraine may reshape globalisation”, VoxEU, CEPR, 5 de maio, https://bit.ly/3EfR0l7.

Segal, Adam e Goldstein, Gordon M. (2022) “Confronting reality in Cyberspace: Foreign policy for a fragmented Internet”, Independent Task Force Report, 80, Council of Foreign Relations, https://www.cfr.org/report/confronting-reality-in-cyberspace

Serfati, Claude (2015) “International: le traité transatlantique: un accord controversé et dangereux pour les salariés”, Chronique internationale de l’IRES, 149, pp. 61-77, https://bit.ly/34OLsKN9.

(2020) “International: la sécurité nationale s’invite dans les échanges économiques internationaux”, Chronique internationale de l’IRES, 169-170, pp. 79-97, http://bit.ly/3tdyvoQ.

(2022) “La era de los imperialismos: así lo demuestra Putin”, Viento Sur, https://vientosur.info/la-era-de-los-imperialismos-continua-asi-lo-demuestra-putin/

Un Global Crisis Response Group on Food, Energy and Finance (2022), “Global impact of the war in Ukraine: Billions of people face the greatest cost-of-living crisis in a generation”, Brief, 2, https://bit.ly/3ElFoxb.

Williamson, John (1990) “What Washington means by policy reform”, in Williamson J. (ed.), Latin American Adjustment: How Much Has Happened?, Institute for International Economics, https://www.piie.com/commentary/speeches-papers/what-washington-means-policy-reform.

Wilson, Jeffrey (2021) “‘NATO for trade’: A bad answer to a good question?”, Hinrich Foundation, 13 de xullo, https://bit.ly/3SR42dv.

Winkler, Deborah e Wuester, Lucie (2022) “Implications of Russia’s invasion of Ukraine for its value chains”, VoxEU, CEPR.

World Trade Organization (2022) “The Crisis in Ukraine. Implications of the War for Global Trade and Development”.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 31 de marzo de 2023]