“A dixitalización e o futuro do emprego”, a análise no novo Boletín de Saúde Laboral da CIG
O Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG vén de publicar o número 23 do seu boletín, no que entre outras cuestións aborda a “Seguridade e Saúde Laboral dos/as traballadores/as de ETT: Boas prácticas en coordinación empresarial e formación”; analiza “A dixitalización e o futuro do emprego” e informa da Estratexia “Visión Cero”. Conta ademais coa colaboración de Ricardo Pol, quen afonda nos riscos do radón.
O artigo de fondo do Boletín céntrase na análise das Empresas de Traballo Temporal facendo un percorrido desde o seu nacemento até a súa implantación, a dificultade que atopan As traballadoras e traballadores que delas dependen para exercer e defender os seus dereitos e na cuestión específica da súa saúde laboral.
A este respecto recolle unha Síntese do Informe do grupo de traballo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), que dá conta das decificencias na coordinación entre os servizos de prevención ou os interlocutores das ETYT e as empresas usuarias; as deficiencias no intercambio de información e na avaliación de riscos; a “insuficiencia” do sistema preventivo das empresas usuarias e diversas cuestións para as que propón toda unha serie de actividades a realizar para mellorar esta situación.
Dixitalización e emprego
O Boletín analiza tamén nun dos seus artigos “A dixitalización e o futuro do emprego”. Parte do cálculo de que hai, na actualidade, 3.190 millóns de traballadores e traballadoras a nivel planetario. Unha cantidade de tal magnitude que para o Gabinete Técnico da CIG “fai difícil pensar que nos atopemos nun proceso irreversíbel do fin do traballo”, tal e como afirman diversos economistas.
De entre estes economistas recolle as conclusións do grupo de economistas de Oxford que estudan as tendencias laborais e que afirman que practicamente a metade dos traballos existentes están en risco dunha acelerada desaparición, como consecuencia da revolución dixital imposta polo avances tecnolóxicos.
A partir de aí, o artigo fai un percorrido por outras “voces cualificadas” que poñen en cuestión estas afirmacións e analiza o impacto, dun outro punto de vista, da tecnoloxía dixital no emprego.
Xunto con estes artigos, a publicación, recolle a estratexia preventiva proposta por Visión Cero, enfocada ao lugar de traballo, as persoas, as normas e a tecnoloxía e que persegue o obxectivo de mellorar a seguridade e saúde laboral a escala mundial e que xa hoxe en día forma parte dos elementos centrais da filosofía preventiva.
Dedica varias páxinas a analizar os riscos do radon, un gas radioactivo presente en non poucas vivendas e centros de traballo en Galiza e as medidas a adoptar ao respecto e conclúe cunha información sobre o “Formaldehido”, que foi clasificado como canceríxeno de categoría 1B.
Para acceder á publicación podes premer sobre a seguinte ligazón. Ademais poderase acceder a este contido de forma permanente na web do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG: http://www.cigsaudelaboral.org/boletin_cig_saude_laboral