A discriminación da lingua galega no ensino dispárase coa aplicación da LOMCE
O 29 de setembro de 2016, a CIG-Ensino dirixiuse ao conselleiro de educación para deixar constancia das inmediatas consecuencias da aplicación da LOMCE: incremento da españolización do sistema educativo galego e redución do ensino en galego. Do mesmo xeito, na Mesa Sectorial do 11 de outubro volveu incidir na necesidade de atallar esta situación sen que, até o de agora, a Consellaría emprendese ningunha modificación do Decreto 79/2010 para desfacer esta discriminación.
As modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO, consecuencia da aplicación da LOMCE supoñen unha nova e acrecentada discriminación da nosa lingua respecto á contemplada no decreto 79/2010. Este decreto estabelecía as materias que se debían impartir en lingua galega e en lingua castelá na ESO cun total, nos catro cursos, de 25 horas en lingua española e 24 horas en lingua galega. Esta discriminación dispárase agora, pois o alumnado de ESO terá 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e 21 se cursa ensinanzas académicas, tal e como se reflicte no seguinte cadro:
Disto despréndese que:
- En 1º de ESO o alumnado recibe 7 horas en lingua galega e 5 en español.
- En 2º, 3 horas en galego fronte a 11 en español
- En 3º, 5 horas en galego e 8 en español.
- En 4º, 6 horas en galego fronte a 7 en español, pola modalidade de ensinanzas académicas, e 3 horas en galego fronte a 7 horas en español, pola modalidade de ensinanzas aplicadas.
- O alumnado recibe 13 horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas, no conxunto da ESO.
- En 2º de ESO aínda que o alumnado recibise todas as aulas en galego, excluídas as que se teñen que impartir en español a as lingüísticas, só recibirá 8 horas en lingua galega fronte a 11 en lingua española.
Para a CIG-Ensino os datos revelan claramente que a política lingüística da Consellaría está asentada “non só na discriminación, senón tamén na persecución do noso idioma como lingua vehicular do ensino”.
Asegura que Educación “é coñecedora de que hoxe nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega e de que a imposición do decreto 79/2010 está dando os froitos previstos pola Consellaría que son minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística”. Entende que con esta actitude, a Consellaría amosa que “non só desatende a normalización lingüística, senón que actúa contra o mandato da propia Lei de normalización lingüística, que prescribe a obriga de que os poderes públicos teñen que procurar a normalización lingüística”.
Ante a contundencia destes datos, a CIG-Ensino vén de presentar un recurso perante a Consellaría para que mentres non se derrogue o Decreto 79/2010 se lle garanta ao ensino en galego a mesma carga lectiva que ao ensino en español.
Ao mesmo tempo, reclama unha actuación urxente para adecuar e ampliar as áreas que hai que impartir en lingua galega e levantar o veto de impartir en galego Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, e exixe a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo, por supor unha involución no marco xurídico e no uso do noso idioma. Imponse a elaboración dunha nova norma que camiñe cara á plena normalización lingüística no ensino.