A Dirección Xeral de Xustiza dá os primeiros pasos para implantar o MINERVA en galego
A CIG vén denunciando de forma reiterada o incumprimento por parte da Xunta da normativa autonómica, estatal e europea en materia de lingua, coa que hoxe en día se conculcan os dereitos da cidadanía, das/dos traballadoras/es e as/os profesionais da Administración de Xustiza no uso da nosa lingua. A central sindical tiña solicitado, tamén reiteradamente, que a Administración iniciase os trámites e puxese os medios necesarios para implantar a aplicación Minerva en lingua galega. Agora, a Dirección Xeral de Xustiza dá os primeiros pasos para poñela en marcha.
Para conseguilo, ademais de varios escritos presentados, a CIG tivo unha entrevista o pasado mes de xaneiro co director xeral de Xustiza e, posteriormente, varias conversas nas que este se comprometeu a atender as demandas da central sindical e comezar canto antes os pasos.
Días atrás a Dirección Xeral de Xustiza encomendoulles aos equipos lingüísticos da Administración de Xustiza a tradución ao galego dos modelos da aplicación Minerva, que comezarían pola orde social e o xuízo verbal civil. Tamén ten previsto coordinarse con Amtega para levar a cabo todo o proceso de posta en marcha de Minerva na nosa lingua. O director xeral comprometeuse a manter á CIG informada da marcha dos traballos.
A central sindical agarda que, dunha vez por todas, a nosa demanda para salvagardar os dereitos da cidadanía, das/os traballadoras/es e das/os profesionais da Administración de Xustiza en relación co uso da nosa lingua, cheguen a bo porto e máis pronto que tarde poidamos tramitar os procedementos en galego, como é o desexo de moitas/os compañeiras/os e dos distintos operadores xurídicos que, a día de hoxe, se ven obrigados a realizar o seu traballo e as súas actuacións en español, moi ao seu pesar.