O 061 suspende as reunións ordinarias co persoal de Santiago como medida de presión contra a folga
A dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitaria de Galiza-061 vén de comunicar que suspende unilateralmente as reunións bimensuais ordinarias coa representación do persoal estatutario do servizo, da Central de Coordinación e das oficinas administrativas de Conxo até que non desconvoquen o paro indefinido contra o traslado forzoso á Estrada.
O comité de folga denuncia que se trata dun intento máis da Xunta de boicotear as mobilizacións que supón deixar sen interlocución sindical os traballadores/as da base de helicópteros, que non participan da folga porque o seu centro de traballo non vai ser trasladado.
Están máis preocupados/as de boicotear o paro que de chegar a un acordo que permita rematar co conflito
Dende a representación dos traballadores/as rexeitan a decisión da dirección do 061 e sosteñen que amosa ás claras o seu talante negociador, “xa que os responsábeis do servizo están máis preocupados/as de boicotear a folga que de chegar a un acordo que permita rematar co conflito”.
Precisamente nesta estratexia encadran que se tivesen decretado uns servizos mínimos do 100%, que cualifican de “abusivos” ao entender que vulneran o dereito de folga. En consecuencia, presentaron un recurso no Xulgado que aínda non foi resolto.
A suspensión das xuntanzas comunicada pola dirección do 061 non inclúe á representación do persoal do resto de centros de traballo da Fundación nas distintas áreas sanitarias do país e circunscríbese unicamente á de Santiago, o que para o comité vén a demostrar que se trata dunha medida de presión contra a folga indefinida convocada dende o pasado día 1 e que se está a materializar mediante paros parciais todos os mércores, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:000 horas.