A dirección de XEAL veta unha reunión institucional co comité e evidencia o seu desprezo polo persoal
A sección sindical da CIG en XEAL denuncia publicamente a actitude da dirección da empresa tras impedir a celebración dunha reunión solicitada por deputados que querían coñecer de primeira man a situación da negociación colectiva e a realidade laboral da compañía desde a perspectiva da representación legal das persoas traballadoras.
A negativa a permitir este encontro nas instalacións da factoría constitúe un feito grave e unha mostra evidente de desprezo cara ao cadro de persoal e aos seus representantes. Esta decisión evidencia a falta de talante conciliador e democrático da dirección, así como unha preocupante ausencia de respecto institucional.
Desde a sección sindical consideran que esta actuación confirma unha práctica reiterada: a censura de todo aquilo que non sexa propaganda favorable á empresa. “XEAL só abre as súas portas cando se trata de proxectar unha imaxe amable e interesada, recibindo representantes políticos unicamente cando serven para reforzar os seus intereses propagandísticos e destacar supostas bondades da súa xestión”, critican.
Pola contra, cando o obxectivo é escoitar a realidade da negociación bloqueada, a perda continuada de poder adquisitivo ou os incumprimentos denunciados pola parte social, “a resposta é o veto e o peche de portas”.
A representación sindical denuncia tamén os métodos de presión empregados para condicionar o clima laboral. Entre estes, sinalan actos “almorzos coa CEO” nos que, segundo trasladan traballadores e traballadoras, desde a dirección se lanza a mensaxe de que quen non estea conforme coa situación pode “coller a porta”. Unha forma inaceptable de coacción que evidencia un modelo de relacións laborais baseado na presión e no medo, en lugar do diálogo e do respecto.
Emprego digno e investimento
A maiores, a sección sindical critica que a empresa actúe como se esquecese que desenvolve a súa actividade nunha comarca onde a explotación de recursos naturais —en réxime concesional— debe reverter no territorio en forma de emprego digno, investimento produtivo e desenvolvemento industrial. “Non se trata de caridade nin de xestos simbólicos, senón dunha cuestión de xustiza social e de cumprimento das obrigas asociadas ás concesións públicas”, incide a sección sindical da CIG.
A este respecto, sinalan que impedir unha reunión institucional para coñecer todas as versións da realidade laboral e, ao mesmo tempo, promover unha imaxe pública baseada exclusivamente na propaganda, resulta incompatible cunha empresa que xestiona recursos que pertencen ao conxunto da sociedade.
“A transparencia non pode ser selectiva. Non se pode falar de compromiso coa comarca mentres se silencia a voz do persoal. O respecto democrático e institucional comeza por permitir que se escoiten todas as partes”, conclúe a sección sindical.