A dirección de Lefties responsabiliza ás propias traballadoras do exceso de carga de traballo
Tras das mobilizacións das traballadoras de Lefties en demanda de solucións ao exceso de carga de traballo que padecen, o pasado día 4 de outubro a dirección da empresa mantivo unha xuntanza con representantes da CIG na que comunicou que non se vai contratar máis persoal, nin a reducir os días nos que se vai recibir o camión, porque “os números non dan”. O máis grave, para a CIG, é que nesa xuntanza responsabilizaron ás propias traballadoras da súa situación por mor dos horarios que teñen por conciliación.
Carmiña Naveiro denuncia que “unha vez máis Inditex demostra que na seguridade e na saúde das traballadoras non inviste un peso”. Asegura que a Inditex “lle sobran recursos e posibilidades para corrixir esta situación” e advirte que “non imos permitir que unha empresa como esta, que obtén beneficios millonarios, non adopte as medidas oportunas para eliminar o risco nas tendas Lefties”.
Por iso está prevista unha nova mobilización para o vindeiro venres, día 26 de outubro, ás 11:30 horas, diante da entrada de Ikea, no Centro Comercial Marineda da Coruña.
Máis persoal
Na provincia da Coruña hai tres tendas Lefties: unha no centro comercial Odeón de Ferrol, outra no centro comercial Marineda e unha terceira no centro comercial As Cancelas, en Compostela. As traballadoras levan pedindo, desde hai máis de un ano, que doten de máis persoal as tendas, eliminen as caixas de autocobro, adecúen a mercancía á capacidade das tendas e dos almacéns e reduzan os días nos que se recibe, para eliminar así o risco.
A representante da CIG lembra que “son plantillas pequenas, cunha grande carga de traballo tanto física como psíquica, o que repercute na súa saúde e seguridade” e denuncia que tanto a dirección de Lefties como Inditex son coñecedores desta situación pero “non fan nada”.
Caixas de autocobro
Inditex implantou 14 caixas de autocobro nas tendas de Zara e Lefties do centro comercial Marineda. Carmiña Naveiro explica que se coloca estratexicamente ás caixeiras nas caixas de pago convencional “co único fin de obrigar á clientela a pasar polas caixas de autocobro, suplindo así ás traballadoras e traballadores, autoembolsando, autodesalarmando e autocobrando as súas propias compras, aforrándolle a Inditex máis contratación de persoal”.
A CIG solicitoulle en distintas ocasións á Dirección de Inditex a retirada das caixas de autocobro e procedera á contratación do persoal necesario porque “non entendemos como unha empresa como Inditex utiliza a escusa das novas tecnoloxías co único fin de deteriorar as condicións laborais”.