A dirección de Isidro 1952 comunica a venda da empresa e a retirada do ERE
A dirección de Isidro 1952 comunicou a última hora desta mañá que un grupo empresarial mercou os seis centros de traballo da compañía (planta de Cambre, piscifactorías e criadeiros) así como que procede á retirada do ERE de extinción e da modificación substancial das condicións laborais e salariais.
Esta información foi trasladada por Pablo Gascó á presidenta do comité (CIG) por vía telefónica, quen acolleu con cautela esta nova, á espera de que a próxima semana se produza unha xuntanza coa representación do persoal na que se comunique de maneira formal a compra-venda do grupo Isidro 1952. Olga Rodríguez explica que, segundo o dito por Gascó, a nova propiedade tamén ten intención de reunirse co comité ao longo da próxima semana.
Ábrese agora unha nova etapa na que o primeiro punto a aclarar será que intencións ten a empresa compradora a respecto do mantemento dos empregos e da actividade produtiva e saber que pasará co concurso de acredores. Neste senso, Rodríguez adiantou que pedirán un plan de viabilidade para garantir os postos de traballo e o futuro tanto da fábrica de Cambre como das piscifactoría e dos criadeiros.
Nesta liña, sinala que aínda que as incógnitas por resolver son moitas, a retirada do ERE e que haxa un comprador supón un paso adiante para saír da incerteza na que está sumido o persoal dende hai meses. E subliña que isto non sería posíbel sen a presión e a mobilización do persoal, que en todo momento amosou a súa disposición a loitar polos seus empregos e os seus dereitos.
Neste contexto, o comité tamén insta a Xunta de Galiza a participar e tutelar este proceso de cambio para que se dea coas máximas garantías, tendo en conta as complexas circunstancias de Isidro 1952.