A desobediencia de Cuba
A desobediencia de Cuba é parte dunha insubordinación maior. Só sendo desobediente ao mercado e ao imperialismo Cuba logrou soster a súa soberanía e forxou unha opción de humanidade alternativa
Desde o triunfo da revolución cubana en 1959 os terratenentes e homes máis ricos fixeron todo para impedir que prosperase. Un dos primeiros intentos por facela fracasar foi baleirar o país de profesionais e técnicos. Estimaban que, sen os especialistas das elites e os seus lacaios, a revolución caería nuns cantos meses.
Nese escenario hostil, ademais de enfrontar ataques terroristas, incursións militares e os primeiros ataques económicos, a revolución debeu facer que os máis humildes se formasen intensivamente para se faceren cargo do país en todos os seus ámbitos.
Dentro deses esforzos e fronte ao bloqueo tecnolóxico, destacou o impulso que Ernesto Che Guevara deu á creación dos Comités de Pezas de Repostos (1960), á Primeira Reunión Nacional de Produción (1961) e á Comisión Organizadora Nacional do Movemento de Innovadores e Inventores (1964). Tempo máis tarde, con ese sinal, crearase a Asociación Nacional de Innovadores e Racionalizadores (1981).
A aposta a que a técnica podería servir para a liberación dos pobos, formulada polo Che, deveu nunha das prácticas sociais máis radicais: a desobediencia tecnolóxica. A través da reparación, refuncionalización e invención, os cubanos crearon todo tipo de obxectos necesarios para que funcione o seu país.
A desobediencia tecnolóxica representa, no máis profundo, un cambio de tipo civilizatorio pouco comprendido. Trátase de reformular a forma en que os humanos se relacionan cos seus produtos por fóra da obsolescencia programada e as dinámicas do capitalismo en xeral.
Por iso hoxe, a pesar da escaseza de cru e outros problemas derivados, logran soster o sistema eléctrico e o país enteiro. Fano nas condicións globais máis hostís, pero coas máis xenerosas redes de solidariedade.
Esa desobediencia é parte dunha insubordinación maior. Só sendo desobediente ao mercado e ao imperialismo Cuba logrou soster a súa soberanía e forxou unha opción de humanidade alternativa.
A imaxe difundida polo imperio coma se se tratase dun país conxelado no tempo, cos coches vellos, edificios antigos e imaxes folclóricas da poboación, invisibilizan a dignidade dun pobo que, como ningún outro, logra botar a andar enxeños azucreiros, plantas de enerxía, unha agricultura agroecolóxica, un sistema metrolóxico eficaz, unha educación universal e un sistema de saúde integral, entre tantas outras cousas.
A poboación cubana está cansa da situación difícil que vive. Ten unha opinión política sobre o que acontece, sinala os erros dos funcionarios e ten ideas de como organizar mellor as cousas, porque a revolución a formou politicamente, como non ocorre en ningún outro país. O seu malestar non provén da lóxica individual dos propietarios privados, senón da demanda de benestar colectivo.
Quen hoxe agoira a caída de Cuba e se deixan guiar polos chíos do xenocida Trump e os seus secuaces, reciben calquera noticia da illa, sexa verdadeira ou fake, como o último indicio da caída inminente da revolución. Ignoran a persistente desobediencia dese pobo para non seguir os ditados do imperio e o capital.
A ofensiva militarista dos EUA-Israel está a enfrontar unha enorme resistencia no leste de Asia. As baixas recoñecidas polo EUA por mor de “fogo amigo”, o “incendio accidental” que sacou de combate o portaavións Gerald Ford, as súplicas de Trump para que máis países se sumen á súa guerra, as mensaxes contraditorias sobre o tránsito de buques polo estreito de Ormuz e a antesala dunha crise económica que ameaza con se producir, son os síntomas de que os EUA-Israel están a perder a guerra.
Irán, soportando un altísimo custo humano, logrou facer do ataque imperial para impor un cambio de réxime no seu país, unha guerra rexional que pode levar á expulsión definitiva dos EUA desa rexión, á desintegración de Israel e a un cambio profundo nas regras do comercio de hidrocarburos por fóra do patrón dólar.
Ante ese escenario, desesperado pola súa supervivencia, Trump aumenta as súas hostilidades contra Cuba, inventa un “Escudo das Américas” e ordena os seus obedientes émulos illar diplomaticamente Cuba, no que tenta mostrar como o colapso da “ditadura cubana”. Sen dúbida, a tolemia e desesperación de Trump poden conducir a escenarios perigosos, pero, ao final, baterá cun pobo desobediente que, así como ten capacidades para soster a súa nación, ten forzas dabondo para organizar a guerra de todo un pobo.
Cuba defenderá a súa soberanía e dignidade. A desobediencia ao imperio débese estender a través de múltiples formas de solidariedade con ese país. A campaña “O destino de Cuba non nos é alleo” é unha das formas que temos para facelo.
[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 21 de marzo de 2026]]